De cerámica a almacén sobre a ría de Vigo: a outra concesión de Costas contra a que loita o Concello de Pontevedra

Concesión da antiga Pontesa en terreos parcialmente gañados á ría de Vigo xunto á foz do río Verdugo CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

O goberno local recorre ante a Audiencia Nacional a prórroga de 20 anos outorgada polo Goberno central ao propietario da antiga fábrica de louzas de Pontesa en Pontesampaio, empregada xa só como depósito malia estar asentada en parte sobre marismas

A loita contra a prórroga da concesión de terreos litorais da ría de Pontevedra que ocupa desde 1958 a fábrica de Ence é a máis rechamante, pero non é a única que o Concello de Pontevedra mantén para recuperar espazos costeiros degradados para o uso cidadán. O goberno local vén de decidir presentar un recurso ante a Audiencia Nacional fronte a decisión do goberno central, a través do departamento de Costas, de prorrogar outros 20 anos a concesión de terreos similares, gañados en parte a marismas, que desde 1961 ocupa a antiga fábrica de louza de Pontesa, en Pontesampaio, sobre a ría de Vigo, unha instalación que xa só se usa como almacén.

Terreos de Pontesa entre as desembocaduras dos ríos Verdugo, arriba, e Ulló, á dereita CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

O espazo da concesións, entre as desembocaduras dos ríos Verdugo e Ulló, ocupa máis de 35.000 metros cadrados

Tres anos despois da concesión a Ence dos terreos que aínda ocupa sobre a ría de Pontevedra, a ditadura outorgou outra concesión de Costas tamén en Pontevedra pero sobre a ría de Vigo, a onde se estende parte do termo municipal. Alí, na parroquia de Pontesampaio, xunto á foz do río Verdugo que a separa de Arcade, xa no Concello de Soutomaior, o réxime facilitou os terreos nos que se instalou a fábrica de cerámica e vaixelas de Pontesa. Tras a crise do grupo Álvarez á que pertencía e o peche da fábrica, as instalacións pasaron a mans doutra empresa, Itaipu-Trade, propiedade dun empresario da zona emigrado a Brasil, que foi dando saída ás últimas producións de Pontesa e empregou as naves como almacén. 

Ese, o de depósito en emprazamento privilexiado, en terreos gañados en parte ao mar nas desembocaduras dos ríos Verdugo e Ulló, é o destino que seguirán a ter as naves e o recinto que ocupaba Pontesa, segundo a prórroga da concesión agora outorgada por Costas e que abrangue máis de 35.000 metros cadrados. Unha prórroga doutros 20 anos da que discrepa o Concello de Pontevedra, que considera “desconcertante o criterio que utiliza Costas para conceder prórrogas para diferentes terreos públicos”, salientando que ao propio consistorio se lle esixen numerosos trámites para poder arranxar espazos urbanos que se asentan sobre terreos costeiros mentres que a prórroga dos terreos de Pontesa foi outorgada “sen nin sequera solicitarlle un informe ao Concello de Pontevedra”.

As instalacións de Pontesa, á esquerda, xunto a desembocadura do río Verdugo, en primeiro termo, en Pontesampaio CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral

“Consideramos que deben ser terreos para desfrute público ao servizo da veciñanza”, di o goberno local

“O Concello de Pontevedra amosou en repetidas ocasións o interese en recuperar todos os terreos de dominio público, en defensa da cidade, porque consideramos que deben ser terreos para desfrute público ao servizo da veciñanza”, salienta o goberno local. Unha actuación similar, a recuperación do dominio público marítimo-terrestre ocupado por unha concesión industrial, similar á que desexa para os terreos de Ence en Lourizán, sobre a ría de Pontevedra. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.