Día 4 | Enchente de enquisas e a máquina de meter medo

Carteis de propaganda electoral do 28A no centro de Santiago CC-BY-NC-SA Praza Pública

A primeira semana completa de campaña electoral comezou coas forzas políticas a navegar na enchente de enquisas que foron publicadas durante a fin de semana e continuaron o propio luns. No inicio da que tamén é a derradeira semana antes do veto legal a facer públicos novos inquéritos todos os estudos demoscópicos publicados coinciden en situar o PSOE como primeira forza do vindeiro Congreso dos Deputados con diferenzas en canto á intensidade desa primacía. Todo nunha campaña na que a máquina de meter medo gaña decibelios.

O abano demoscópico coincide en situar o PSOE en cabeza e vai dende o escenario dos socialistas sumando maioría con Unidas Podemos e PNV ata un futuro Executivo baseado nun pacto tripartito da dereita

O abano demoscópico vai dende os escenarios como o debuxado por GAD-3 para La Vanguardia, no que os de Pedro Sánchez ascenderían por riba dos 130 escanos e poderían aspirar a unha maioría con Unidas Podemos e o PNV ata o que bosquexa NC Report para La Razón, que segue situando como viable un futuro Executivo baseado nun tripartito de dereitas co PP á fronte

O tracking diario de ISOP para El Confidencial secunda a hipótese da primacía dos de Pedro Sánchez, igual que o de Sociométrica para El Español. O único destes seguimentos demoscópicos diarios que debulla datos para Galicia, o de Sondaxe -a casa de enquisas de La Voz de Galicia- apunta tamén a bos prognósticos para o PSOE; que mesmo competiría pola primeira posición co PP entre o electorado galego cun empate a 10 escanos tras os que quedarían 2 para Unidas Podemos e 1 para Ciudadanos. 

Casado e Sánchez, en actos electorais en Canarias © PP / PSOE

Axitar a pantasma terrorista diante dun eventual goberno de esquerdas é moitas cousas, pero en ningún caso é novo. Tampouco en Galicia

A principal disparidade entre unhas e outras enquisas é calibrar o impacto co que entrará no próximo Congreso a formación de extrema dereita Vox, a que semella unha das principais vías de fuga de votos para o PP, cuxa caravana electoral principal pasaba o domingo por Santiago con Pablo Casado á fronte para reproducir en versión reducida as romarías electorais dos tempos de Fraga. Dese xantar-mitin en Nemenzo (Santiago) saíron mencións á ETA que os populares seguiron a axitar este luns apoiándose na protesta abertzale contra un mitin de Ciudadanos na localidade vasca de Errenteria o pasado domingo.

Casado reitera o nome da disolta banda terrorista mentres Feijóo fai propio con Batasuna, o desaparecido partido abertzale, para asociar dun xeito máis ou menos explícito a sombra da violencia -e do "separatismo"- á idea dun triunfo do PSOE apoiado por Unidas Podemos e formacións soberanistas. España disque rompe. Outra volta. 

Moi probablemente as advertencias da máquina do medo estarán sobre a mesa no único debate televisado para toda Galicia previo ao 28A, este 16 de abril ás dez da mañá na TVG

Axitar a pantasma terrorista diante dun eventual goberno de esquerdas é moitas cousas, pero en ningún caso é novo. Tampouco o é en Galicia, onde seica case todo pasou xa antes, politicamente falando. Sirvan como mostra as advertencias guindadas polo PPdeG na primavera de 2005 cando as enquisas apuntaban cara á fin do fraguismo mediante un Executivo de coalición de PSdeG e BNG. Daquela un colectivo de vítimas do terrorismo advertira en rolda de prensa na Coruña de que se o PP perdía a Xunta, "dentro de pouco teremos aquí a ETA". Preguntado ao respecto por Iñaki Gabilondo na Cadena SER, o propio Fraga secundaba a ameaza: "Unha coalición PSdeG-BNG podería facilitar a chegada do terrorismo a Galicia", afirmara.

Estas advertencias de calibre groso serven de combustible para a máquina do medo en sentido contrario, toda vez que as forzas da esquerda as presentan como mostra do escenario político que propiciaría a alianza das dereitas no poder. Moi probablemente unhas e outras serán postas en escena no único debate electoral televisivo que será emitido para toda Galicia polos medios públicos galegos, ás 10 da mañá deste martes na primeira canle da Televisión de Galicia como parte do seu programa informativo matinal. Non cabe agardar, dadas as horas, que contribúa a mover moito a enchente de enquisas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.