Hai quen defende que case todo o que pasa en política xa sucedeu antes, dun xeito ou doutro, en Galicia. "Galicia foi o laboratorio de Podemos", sinalou Anxo Lugilde ao presentar De Beiras a Podemos (Praza Pública, 2014) en referencia a como a xa desaparecida Alternativa Galega de Esquerda serviu en certo xeito a Pablo Iglesias, en labores de asesor, para "aprender" e experimentar nun "campo de probas" o que despois sería o seu propio partido. Tamén antes Galicia anticipou movementos, sobre todo na dereita, dende o devalo da UCD ata a resurrección política de Mariano Rajoy.
Quen dea por boa a tese de que en Galicia case todo sucedeu antes e teña algo de memoria sorprendeuse un chisco menos coa proposta dos "concibidos non nacidos" ou coa axencia de viaxes simulada polo PP
Quen dea por boa a tese de que en Galicia case todo sucedeu xa antes puido comezar a campaña electoral deste 28A cun chisco menos de sorpresa a respecto da proposta do PP de Madrid -se é de Madrid é sabido que a vaga expansiva chega a Cualedro, Coirós ou Guitiriz, nunca á inversa- para considerar os "concibidos e non nacidos" como membros da unidade familiar. Tal medida, con independencia da valoración que lle mereza a cadaquén, leva en vigor en Galicia case unha década.
Algo semellante sucederá a quen teña algo de memoria ao comprobar que a primeira idea forza do PP nesta campaña das eleccións xerais fose cargar contra o rival a bater, o socialista Pedro Sánchez, polo uso dos avións oficiais para os seus desprazamentos, simulando para iso unha axencia de viaxes na mesma rúa de Madrid -onde vai ser- na que se sitúa a sede do PSOE. Lembran cando disque Galicia descubriu que os cargos da Xunta viaxaban en coche? Xa pasaron dez anos. Os socialistas anunciaron que levarán tal iniciativa ante a Xunta Electoral.
Como o primeiro venres de campaña foi tamén Venres de Dores, ás portas da Semana Santa, a confraría andaluza que organiza a procesión do Cristo de la Buena Muerte -a dos lexionarios- xa decidiu advertir antes de acabar nunha foto de campaña. Pediu aos líderes de PP e Ciudadanos, así como ao partido de extrema dereita Vox, que se absteñan de asistir aos seus actos do Xoves Santo. O pasado ano varios membros do goberno de Rajoy entoaron nesa procesión o célebre Novio de la muerte, dando por boa á mestura de armas, Exército e Cristo que dificilmente aguanta unha lectura do Evanxeo.
Sobre os primeiros compases da campaña segue a pairar a decisión do PSOE de que Pedro Sánchez acuda ao debate de Atresmedia, pero non ao de TVE
Esta é a paisaxe dun primeiro día de campaña no que Pablo Casado seguiu arrenegando en forma e fondo do marianismo, o mesmo que remata o día tributándose unha auto-homenaxe en Pontevedra. A outra faciana da cidade, a do goberno municipal que encabeza Miguel Anxo Fernández Lores, é reivindicada á mesma hora no acto central da primeira xornada da campaña do BNG.
Sobre estes primeiros compases da campaña segue a pairar a decisión do PSOE de que Pedro Sánchez acuda ao debate a cinco bandas organizado por Atresmedia pero non á cita a catro -PP, PSOE, Unidas Podemos e Ciudadanos- que convocara Televisión Española. O xeito en que a canle pública recolleu os reproches á decisión dos asesores presidenciais si que non sucedeu antes en Galicia. Nin un nin outro convocaron, así e todo, a forza ningunha cuxo líder non concorra a deputado por Madrid.