Dimite Albino Vázquez, edil compostelán imputado na 'Pokemon'

O Servizo de Vixilancia Aduaneira rexistra a vivenda de Conde Roa en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Viaria do Concello de Santiago, Albino Vázquez Aldrey, vén de anunciar que deixa de militar no PP e que o vindeiro luns renunciará tamén como concelleiro compostelán e abandonará o seu escano na Deputación da Coruña.

"Aspiro a poder dedicar o 100% do meu tempo a demostrar a miña honradeza e a miña inocencia"

"Coa renuncia ás miñas responsabilidades públicas e orgánicas tanto nas institucións como no PPdeG aspiro a poder dedicar o 100% do meu tempo a demostrar a miña honradeza e a miña inocencia", asegurou nun comunicado. Vázquez Aldrey está imputado por suborno, revelación de información privilexiada e tráfico de influencias e foi un dos detidos na segunda fase da operación Pokemon, chamada Manga. Está en liberade provisional tras pagar 15.000 euros de fianza.

Segundo Albino Vázquez, a súa decisión chega para non prexudicar nin ao seu partido nin ao organismo provincial do que forma parte e, sobre todo, por non "danar a imaxe da cidade" "Na que vivo, na que traballo e á que me debo e deberei sempre", engade.

Por iso, entre outras razóns, decidiu abandonar a súa condición de militante do Partido Popular galego, "mentres dure o proceso xudicial" no que agora está inmerso.

O goberno local de Compostela ten tres dos seus integrantes imputados na operación Pokemon

O goberno do consistorio compostelán conta con tres dos seus integrantes, un deles o rexedor, imputados na operación Pokemon. Trátase de Vázquez Aldrey; do alcalde, Ángel Currás, acusado de tráfico de influencias aínda que non se fixaron para el medidas cautelares; e da responsable de Educación, Rebeca Domínguez, nas mesmas circunstancias que Currás. Ademais, o ex rexedor Conde Roa tamén se veu obrigado a dimitir ao ser imputado nun delito de fraude fiscal.

A noticia chega logo de que se coñecese o ingreso en prisión de Ángel Espadas. A xuíza que instrúe a operación Pokemon decretou o ingreso en prisión do ex concelleiro en  Santiago e ex asesor do ex alcalde Gerardo Conde Roa. Está acusado de prevaricación, uso de información privilexiada e suborno, segundo aseguran varias fontes xurídicas, e fora apartado das listas dos conservadores por ser sorprendido ao volante do seu coche durmido e baixo os efectos do alcol. Atópase en Teixeiro en prisión preventiva.

A xuíza enviou a prisión a Espadas e ao delegado de Aquagest en Santiago, José Luis Míguez

A xuíza Pilar de Lara tamén enviou ao cárcere de Bonxe ao delegado de Aquagest na capital galega, José Luis Míguez, que decidiu non declarar. Os delitos que se lle imputan son suborno, tráfico de influencias e revelación de segredos.

O concelleiro Albino Vázquez quedou en liberdade tras pagar unha fianza de 15.000 euros

Na operación Pokemon, que comezou nun xulgado de Lugo, investígase a existencia dunha suposta trama para obter concesións e contratos públicos en varias cidades, que na súa segunda fase, Manga, non só se cingue ao territorio galego, senón tamén a Asturias e Cataluña.

O número de imputados xa supera os trinta, moitos deles políticos, e o epicentro das investigacións está no Grupo Vendex e as súas distintas filiais. Agora tamén en Aquagest e GRS Arc Local.

Ademais, e segundo informou Diario de Ferrol, as investigacións da Pokemon chegou a Ortigueira e Valdoviño, aínda que sen detencións. Así, unha comisión do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo acudiu a primeiros horas da mañá do venres aos concellos das dúas localidades do norte do país con mandamentos xudiciais para recoller documentación relativa a contratos coa empresa Aquagest.

O Servizo de Vixilancia Aduaneira, ante a vivenda de Conde Roa en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.