Dimite o alcalde socialista de Cerceda tras ratificar o Tribunal Superior a condena por iniciar unha obra antes de adxudicala

José García Liñares e fragmento da sentenza do TSXG CC-BY-SA Federación Galega de Fútbol - Praza Pública

José García Liñares, que foi presidente da Federación Galega de Fútbol, obtivo maioría absoluta o pasado ano tras anularse unha primeira condena e antes de repetirse o xuízo con similar resultado, agora ratificado

O ata agora alcalde socialista de Cerceda, José García Liñares, no cargo desde hai 25 anos, vén de anunciar este martes a súa dimisión tras ratificar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nunha sentenza con data do pasado día 8 de xaneiro, a súa condena a 8 anos de inhabilitación por prevaricación. A xustiza considerou a García Liñares, que tamén foi presidente da Federación Galega de Fútbol, responsable de que unha empresa iniciase unha obra para o Concello antes de que se resolvese o concurso para adxudicarlla. 

García Liñares foi inicialmente condenado por este caso por un xulgado do Penal da Coruña tanto por prevaricación como por fraude a ano e medio de cadea e 16 anos de inhabilitación, pero a Audiencia da Coruña ordenou repetir o xuízo por considerar que o xuíz non garantira a súa imparcialidade. Co primeiro xuízo anulado, o socialista volveu presentarse ás eleccións municipais do pasado mes de maio e revalidou a maioría absoluta. Porén, malia o seu peso histórico no PSdeG da Coruña xa non volveu ocupar un posto de deputado provincial. Posteriormente, a repetición do xuízo concluíu coa condena de García Liñares só por prevaricación a 8 anos de inhabilitación, sentenza que o rexedor recorreu pero que agora o TSXG vén de avalar. 

Fragmento da condena orixinal a García Liñares ratificada posteriormente polo TSXG CC-BY-SA Praza Pública

 “Hai elementos probatorios aos que o xuíz de instancia, no exercicio da súa exclusiva facultade de valorar as probas persoais que se practican ante a súa presenza, dá credibilidade”, di o TSXG para ratificar a sentenza previa

A actuación cuestionada pola xustiza eran unhas obras duns 300.000 euros nun parque botánico da vila que o segundo xuízo estableceu, como xa fixera o primeiro, que comezaron sen cobertura legal xa que aínda non estaba rematado o proceso de adxudicación das mesmas. Así o reflectiron unhas fotografías tiradas por un concelleiro do PP que o xulgado considera proba válida porque “non se probou en absoluto que a data que consta nas fotografías non sexa a auténtica”. A condena en primeira instancia estableceu que “como estas obras carecían de calquera cobertura legal, a orde para a execución das mesmas, que só podía proceder do alcalde, carecía de aprobación previa e, polo tanto, foron acordadas á marxe completamente da legalidade e colman o tipo obxectivo do delito de prevaricación”. 

Na súa revisión desa sentenza tras o recurso de García Liñares, o TSXG valida a valoración das probas realizadas polo xuíz durante o xuízo oral: “Hai elementos probatorios aos que o xuíz de instancia, no exercicio da súa exclusiva facultade de valorar as probas persoais que se practican ante a súa presenza, dá credibilidade”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.