José García Liñares xa fora condenado hai uns meses pero a Audiencia da Coruña ordenou repetir o xuízo por falta de imparcialidade do anterior xuíz e o novo proceso remata con resultado similar
O alcalde socialista de Cerceda, José García Liñares, vén de ser condenado novamente por prevaricación por un xulgado do Penal da Coruña por iniciar unha obra antes de que rematase o seu proceso de adxudicación. García Liñares xa fora condenado hai uns meses por este mesmo caso tanto por prevaricación como por fraude a ano e medio de cadea e 16 anos de inhabilitación, pero a Audiencia da Coruña ordenou repetir o xuízo por considerar que o anterior xuíz non garantira a súa imparcialidade. Agora o novo proceso remata reducindo a pena a oito anos de inhabilitación por prevaricación.
A actuación cuestionada pola xustiza eran unhas obras duns 300.000 euros nun parque botánico da vila que a sentenza establece, como xa fixera a primeira condena, que comezaron sen cobertura legal xa que aínda non estaba rematado o proceso de adxudicación das mesmas. Así o reflectiron unhas fotografías tiradas por un concelleiro do PP que o xulgado considera proba válida porque “non se probou en absoluto que a data que consta nas fotografías non sexa a auténtica”.
Tras a anulación da primeira condena García Liñares, alcalde desde hai 24 anos e que tamén foi presidente da Federación Galega de Fútbol, volveu presentarse ás eleccións locais do pasado 26 de maio e revalidou a súa maioría absoluta
Unha vez dada por válida a data das fotos con obras xa iniciadas, a sentenza establece que “como estas obras carecían de calquera cobertura legal, a orde para a execución das mesmas, que só podía proceder do alcalde, carecía de aprobación previa e, polo tanto, foron acordadas á marxe completamente da legalidade e colman o tipo obxectivo do delito de prevaricación”.
Xunto con García Liñares o xuíz tamén condena ao arquitecto municipal como cooperador necesario do delito de prevaricación a catro anos de inhabilitación e como autor dun delito de falsidade en certificado a 9 meses de suspensión.
A sentenza pode ser recorrida, e así avanzou xa a La Opinión que o fará o avogado do condenado. Tras a anulación da primeira condena García Liñares, alcalde desde hai 24 anos e que tamén foi presidente da Federación Galega de Fútbol, volveu presentarse ás eleccións locais do pasado 26 de maio e revalidou a súa maioría absoluta. Porén, malia o seu peso histórico no PSdeG da Coruña xa non volveu ocupar un posto de deputado provincial.