DO e PSdeG-PSOE, contra a "procrastinación" do alcalde de Ourense

Pleno municipal ourensán © Concello de Ourense

O pleno extraordinario celebrado este mércores en Ourense aprobou -cos votos a favor de Democracia Ourensana (DO) e PSdeG-PSOE e o voto en contra do PP- unha moción presentada polo grupo liderado por Gonzalo Pérez Jácome que critica a "inacción" do Goberno municipal e a "procrastinación crónica" do alcalde Jesús Vázquez, pedindo ademais a dimisión do rexedor. Ourense en Común (OeC) negouse a participar na sesión convocada exclusivamente para esta proposta, criticando tanto os incumprimentos do Concello coma o "circo mediático" de DO.

A proposta de Democracia Ourensana sinalaba 27 tarefas pendentes que o Goberno municipal deixou de realizar nos seus case dous anos de xestión, comezando polos propios orzamentos da cidade, non aprobados o pasado ano e que no presente exercicio non foron nin sequera presentados. Tamén apuntaba outras eivas, coma o PXOM, unha Relación de Postos de Traballo no Concello, a apertura da Praza de Abastos da Ponte, a supresión de bolardos, a construción dun aparcamento no Barrio da Ponte, un proxecto para a antiga cárcere ou as concesión do servizo da ORA, da limpeza da dependencias municipais ou do servizo de alugueiro de bicicletas, todas expiradas.

Na súa intervención, Pérez Jácome preguntoulle a Jesús Vázquez "que escusa ten para estes 27 incumprimentos", antes de iniciar unha discusión co rexedor na que o ameazou con denuncialo por prevaricación. O socialista José Ángel Vázquez Barquero apoiou a moción e coincidiu en que hai "numerosos motivos" para pedir a dimisión de Vázquez, aínda que criticou as formas de Democracia Ourensana e a propia escolla do concepto de "procrastinación" que -dixo- moita xente tivera que buscar no dicionario nos últimos días. O popular José Araújo Fernández negouse a debater os puntos expostos na moción e optou por responder cunha parábola sobre un barco varado no deserto na que quixo expresar a desorientación que ao seu xuízo sofre DO.

Pola súa banda, Ourense en Común rexeitou participar no pleno extraordinario convocado por Gonzalo Pérez Jácome. Os e as edís de OeC convocaron unha rolda de prensa ante as portas do Concello, cualificando de "circo mediático" a sesión e manifestando a súa "repulsa". "Ourense en Común non é nin oposición nin é goberno, é veciñanza", sinalou Martiño Vázquez, nunha intervención na que tamén criticou os erros e incumprimentos do Goberno municipal, comezando pola non aprobación dos orzamentos. "Hai inacción por parte do Goberno e do Alcalde, claro que si, nós denunciámolo todas as semanas en Xunta de Área, onde non hai cámaras, denunciámolo todos os meses nos plenos, denunciámolo emendando todas as ordenanzas e expedientes", dixo, "pero a inacción do Goberno municipal só é comparable á inacción do principal partido da oposición, unha inacción que está levando ao bloqueo da propia oposición", engadiu. "É inadmisible o gasto público xerado pola sucesión de plenos extraordinarios convocados só para engordar o ego de quen está obsesionado por ser sempre o centro de atención", afirmou tamén en relación a Pérez Jácome.

Martiño Vázquez finalizou pedindo a dimisión tanto do Alcalde da cidade coma do líder de Democracia Ourensana. E anunciando a presentación dun "Acordo de Traballo por Ourense" coa participación dos catro grupos, co obxectivo de aprobar antes de 2019 unha renda social muncipal, un proxecto de orzamentos para 2017 e un novo PXOM.

 

Pleno municipal ourensán © Concello de Ourense
Gonzalo Pérez Jácome, celebrando a vitoria de Trump o pasado mes de novembro © DO
Rolda de prensa de Ourense en Común anunciando a súa negativa a entrar no pleno © OeC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.