Documentos oficiais proban que Feijóo difundiu datos falsos sobre o salario de Beiras

Beiras, na rolda de prensa na que presentou a documentación CC-BY-SA AGE

Efectivamente, era unha desas mentiras cotiás. Tanto como que Alberto Núñez Feijóo prometeu acabar co paro en 45 días. O pasado de 30 de abril o presidente da Xunta empregaba o seu atril de San Caetano para asegurar que o voceiro parlamentario de AGE e líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, levaba "vinte anos cobrando a nómina". "Non hai récord coma este", de "alguén que cobre máis e traballe menos" no Parlamento, "non hai ninguén neste sentido", afirmou. Un ano antes Feijóo elevara a cifra dez anos e lamentar que Beiras, "un deputado que leva 30 anos cobrando do Parlamento", non teña "algunha idea mellor que un puñetazo" para "solucionar a crise". Documentos oficiais proban que ningunha das dúas afirmacións se corresponde coa realidade.  

Beiras compareceu este mércores ante a prensa para "achegar probas documentais do seu réxime laboral na universidade e no Parlamento". A priori, unha das dúas aseveracións presidenciais tiña que ser desbotada de antemán, toda vez que o líder de Alternativa non chegou a ser deputado durante trinta anos: foino de 1985 a 2005 e dende 2012 ata a actualidade, é dicir, vinte e tres anos. A outra aseveración relativa a "cobrar a nómina" parlamentaria "durante vinte anos" tamén é "mentira", explicou despois de distribuír entre a prensa a documentación que acredita a súa situación profesional ao longo das últimas tres décadas.

De 1985 a 1999 e a partir de 2004 Beiras percibiu salario como catedrático da USC 

Como informou este diario, Beiras comezou a representar o Bloque na Cámara en 1985 e non foi ata outubro de 1999, cando como catedrático da Universidade de Santiago solicita o paso á "situación de servizos especiais" para dedicarse en exclusiva á actividade política. O 22 de outubro dese ano o Parlamento recoñécelle o dereito a percibir o salario como deputado e así o fixo ata o 1 de febreiro de 2004 cando, xa deixara de ser portavoz nacional do BNG. Nese momento deixou de cobrar como deputado, aínda que seguiu tendo tal condición ata xuño de 2005, cando se celebraron as seguintes eleccións autonómicas. Dous anos despois, en maio de 2006, Beiras xubilouse e en outubro adquiriu a condición de profesor emérito.

A documentación acredita que ata 2012 Beiras cobrara soldo parlamentario apenas catro anos e non trinta, como asegurou Feijóo

Así as cousas, ata que en 2012 regresou ao Parlamento, xa como voceiro de AGE, o histórico nacionalista cobrara soldo parlamentario unicamente durante catro anos e o cómputo total é de apenas sete, non de dúas nin tres décadas, segundo indica a documentación. Os papeis, sinala, acreditan as súas verbas e, polo tanto, tamén que "dende a Presidencia dea máis alta institución deste país míntese, difámase, engánase e faise fraude á cidadanía galega". "O de menos é este episodio e o demáis -afirma-, o que demostra".

Beiras: "Dende a Presidencia da máis alta institución deste país míntese, difámase, engánase e faise fraude á cidadanía"

"A actitude do presidente da Xunta bate de feito frontal coa miña -acrecenta o parlamentario-. Eu podo ser moi duro coas miñas declaracións, pero nunca difamei a ninguén". Dado que vén de "entregar a documentación que demostra a realidade sobre a miña carreira profesional", indica, cabe afirmar que "se outros fixesen o mesmo con, por exemplo, os contratos da Xunta co narcotraficante Marcial Dorado poderíamos dicir que estamos en igualdade de condicións", pero "así, non: nós estamos na decencia e outros, na indedencia", afirma, ao tempo que apela ao "código deontolóxico do xornalismo" para que informacións coma esta sexan "contrastadas" en "fontes fiables" antes de seren publicadas.

Beiras, na rolda de prensa na que presentou a documentación CC-BY-SA AGE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.