Dous xulgados discrepan sobre se Vigo discrimina ou non ao restrinxir os descontos do bus urbano

Sentenzas contraditorias sobre a esixencia de empadroamento para obter rebaixas no autobús urbano de Vigo CC-BY-SA Praza Pública

Unha sentenza dá a razón a Redondela e anula a esixencia de empadroamento, e outra rexeita unha petición similar de Mos, as dúas non firmes e recorribles ante o Tribunal Superior de Galicia

O 5 de febreiro o xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo anulou, tras un recurso do Concello de Redondela formulado cando alí aínda gobernaba o PP, a esixencia de empadroamento na cidade como condición imposta polo Concello de Vigo para obter a tarxeta de transporte que ofrece descontos no transporte urbano. Apenas unha semana despois, o 13 de febreiro, outro xulgado paralelo, o Contencioso-Administrativo número 2, rexeitaba un recurso similar imposto por outro concello gobernado polos populares, o de Mos. As dúas son sentenzas non firmes que poden ser recorridas ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), polo que estas non foron máis que outras dúas batallas da longa guerra entre o PP e o alcalde de Vigo, Abel Caballero

Fragmento da sentenza dando a razón ao Concello de Redondela CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza de Redondela ampárase no que Caballero denomina “lei anti Vigo de Feijóo”, que di que “non se poderán establecer bonos sociais atendendo a criterios exclusivamente territoriais"

A sentenza que dá a razón a Redondela fronte a Vigo constata que a esixencia de empadroamento na cidade para desfrutar da tarxeta de transporte que dá acceso ás bonificacións do transporte urbano é contraria a un precepto introducido polo PP na lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta para 2017. 

“En ningún caso se poderán establecer bonos sociais atendendo a criterios exclusivamente territoriais, como a residencia”, sinala esa norma, que Caballero considera unha “lei anti Vigo de Feijóo”.

A sentenza de Mos sinala que o transporte urbano queda fóra do ámbito de aplicación da lei autonómica de 2017

Pola contra, a sentenza que rexeita o recurso de Mos, malia facelo por considerar que o Concello non o presentou correctamente, tamén entra no fondo da cuestión para concluír que “os veciños de Mos nin contribúen ao sostemento [...] do transporte urbano de Vigo, nin tampouco lles asiste o dereito a esixir a súa prestación por ese Concello do que non son veciños. Se non están lexitimados, no sentido máis amplo, para reclamar a prestación do servizo público, menos aínda o estarán para discutir as súas tarifas”. Unha conclusión á que chega a sentenza a instancia de Mos tras sinalar, entre outras consideracións, que a lei autonómica de 2017 “carece de competencias” sobre o transporte urbano. 

Fragmento da sentenza rexeitando o recurso do Concello de Mos CC-BY-SA Praza Pública

Á espera dos posibles recursos e o pronunciamento de tribunais superiores, a esixencia de empadroamento permanece en suspenso en aplicación dunha medida cautelar avalada polo TSXG en decembro de 2018

Máis alá desas consideracións de fondo nas que entra a sentenza de Mos, o xulgado o que fixo foi inadmitir o recurso dese Concello por consideralo presentado fóra de prazo e por falta de lexitimidade, xa que renunciou a formulalo como administración e optou por facelo como persoa xurídica, o que para o xulgado o inhabilita. 

Malia pronunciarse as dúas sentenzas sobre cuestións xurídicas distintas, as dúas ofrecen respostas dispares sobre a cuestión de fondo de se o requisito imposto polo Concello de Vigo vai contra a non discriminación establecida pola lei galega en 2017. As dúas sentenzas son non firmes e recorribles ante o TSXG, o encargado de desempatar sentenzas discrepantes semellantes. Mentres, en aplicación doutra sentenza previa cautelar do propio TSXG de decembro de 2018, a esixencia de empadroamento permanece en suspenso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.