- Beiras defende que Galicia participe no "finiquito do réxime borbónico" para lograr a autodeterminación
- NÓS dá a Constitución por "superada" e aposta por "un proceso que garanta os dereitos das nacións"
"Nadie en su sano juicio aquellos años hubiera pensado que Murcia y mucho menos Madrid iban a ser autonomías con parlamento, tribunal, televisión, himno y bandera. (...) No existía semejante demanda y su identidad estaba implícita en la española. En todo caso se buscaba una mera descentralización administrativa". En abril de 2012 Iñaki Anasagasti (PNV) lembraba deste xeito, nun artigo escrito co gallo do trixésimo aniversario da aprobación da Lei Orgánica para a Harmonización do Proceso Autonómico -a célebre e polémica LOAPA-, o sentimento que imperaba entre as persoas que artellaron o proceso de creación das comunidades autónomas e o seu encaixe na Constitución Española, texto que este 6 de decembro fai 37 anos entre chamadas á mantela intacta, a reformala profundamente ou a superala totalmente, segundo as opcións políticas.
Entre as novidades que trouxo consigo o texto constitucional estaba, efectivamente, as comunidades autónomas. O que non figura por ningures, no entanto, é que todo o territorio do Estado teña que estar organizado en autonomías, o que se deu en chamar "café para todos". Ben ao contrario, a redacción da Constitución deixaba a porta aberta á asimetría actualmente deostada por diversas forzas políticas, a comezar polo PP. "O Estado organízase territorialmente en municipios, en provincias e nas comunidades autónomas que se constitúan", di o artigo 137, que non especifica número ningún nin, moito menos, a obriga de xeralizar o modelo autonómico.
Se ben a Constitución referendada en 1978 non apostou claramente por un esquema con só tres Estatutos de Autonomía -Galicia, Euskadi e Catalunya- con competencias lexislativas máis ou menos amplas, como si o facían algunhas das propostas manexadas previamente -caso da alcumada 'Constitución Gades', que o xornalista Enric Juliana evocaba nunha reportaxe en La Vanguardia no ano 2011-, si explicitaba que a vocación autonómica non era, nin de lonxe, homoxénea. Así, a disposición transitoria segunda habilitaba a que se deu en coñecer como autonomía 'de vía rápida' aos "territorios que no pasado plebiscitaron afirmativamente proxectos de Estatuto de Autonomía" -galego, catalán e vasco-, para os que, a cambio dun procedemento máis complexo, os gobernos autónomos poderían acceder, de entrada, a un maior grao de autogoberno.
A Constitución non obrigaba a creacion das actuais 17 autonomías e deixaba a porta aberta á asimetría na organización territorial do Estado
Esa disposición transitoria indicaba, ademais, que os territorios que reunían esas características elaborarían os seus estatutos segundo as normas do artigo 151 da Constitución. Ese apartado recolle outra das indicacións que podería ter configurado un Estado autonómico ben diferente do actual. Así, no artigo 152 explícase que as autonomías creadas polo 151 -finalmente, as tres definidas como "nacionalidades históricas" e mais Andalucía- terían unha "organización institucional" baseada "nunha asemblea lexislativa elixida por sufraxio universal", o Parlamento, "un consello de Goberno con funcións executivas e administrativas e un presdiente elixido pola asemblea", isto é, no caso galego, a Xunta. Deste xeito, atendendo á letra constitucional cabería que só Galicia, Euskadi e Catalunya -e tamén Andalucía- tivesen capacidades de elaborar e aplicar leis propias, mentres que no resto do Estado o Goberno de España delegaría competencias administrativas en responsables rexionais.
A aldraxe, a LOAPA e a igualación por riba
A posibilidade dunha asimetría autonómica durou pouco. Entre outras cousas, polo arrepentimento político mesmo das forzas estatais que o apoiaran. Así, menos un ano despois do referendo constitucional, no outono de 1979, Euskadi e Catalunya avanzaban na autonomía coa aprobación en referendo de cadanseus estatutos e o Goberno da UCD, co apoio de sectores do PSOE e o aplauso da prensa de Madrid, procuraba frear o proceso autonómico galego. As 'cuestións' vasca e catalá dábanse por solucionadas e Galicia podería ser o modelo contra as aventuras de autogoberno, un recorte exemplarizante que diversas forzas políticas galegas, pero tamén boa parte da prensa do país, criticou con dureza. Aquilo era o "Estatuto da aldraxe", que nacería , na práctica, baleiro de competencias para a Xunta.
O 'Estatuto da aldraxe' foi respondido en Galicia con amplas mobilizacións a prol da "dignidade nacional" galega
Nunha actitude que, case corenta anos despois, semella case política-ficción, as tentativas de recorte á baixa da autonomía galega foron respondidas en Galicia con apelacións á "dignidade nacional" galega e concurridas mobilizacións populares, incluíndo vixilias e masivas manifestacións que tamén alentaban partidos como o PCG, Unidade Galega ou boa parte do actual PSdeG. Neste contexto, o atribulado Goberno Suárez deu en ceder parcialmente a comezos de 1980 e os Pactos do Hostal alumearon un novo texto, menos ambicioso que o orixinal pero sen boa parte dos recortes da "aldraxe".
En 1992 e 1999 ampliáronse as competencias das autonomías 'de vía lenta'
Apenas dous anos despois UCD e PSOE pactaron a devandita LOAPA -case a metade do seu texto foi declarado inconstitucional polo TC en 1983 tras ser recorrida polos gobernos catalán e vasco e varios grupos políticos-, sentando as bases dun "café para todos" que foi servido novamente mesmo en dúas ocasións máis, en 1992 e 1999, cando os correspondentes Gobernos de España acordaron ampliar as competencias das autonomías "de vía lenta", alargando, por exemplo, a marxe de manobra dos seus parlamentos e presidentes ata equiparalos, a efectos prácticos, a Galicia, Euskadi e Catalunya.
"Para evitar una posible sublevación se les dijo a los militares que lo mismo que se le iba a reconocer a vascos y catalanes, se reconocería también al resto mediante la formación de distintas comunidades autónomas", conta Anasagasti que lle relatou José Bono (PSOE) ao lembrar aqueles primeiros anos 80. Case catro décadas despois, cabe preguntarse se haberá lugar para unha nova rolda de café para todos ou se xa hai quen opta por outro menú máis contundente.