Educación oferta 912 prazas de ingreso nas oposicións mentres mantén a incerteza sobre se as convocará

Escolares galegos, nunha aula © CEIP As Solanas

Máis información e a mesma incerteza. A Consellería de Educación puxo número este xoves á súa oferta de emprego público para 2017 na Mesa Sectorial que xunta a Administración cos sindicatos educativos. O Goberno galego ten en marcha os trámites para ofrecer un total de 1.043 prazas para o ensino público, 912 delas de novo ingreso e as restantes, de promoción interna. Pero a certeza dos números esvae ao falar de se estas prazas serán ou non efectivamente convocadas. O director xeral de Centros, José Manuel Pinal, multiplica as chamadas á "espera" e condiciona a convocatoria, como veñen facendo diversos cargos do PP nas últimas semanas, á negociación dos Orzamentos Xerais do Estado para 2017. Non facelo, afirma, implicaría activar as oposicións sen "seguridade xurídica".

O feito de que a Administración explique "de momento" habería tempo para que o proceso selectivo se desenvolvese nos prazos que corresponden -convocatoria en abril, exames en xuño e tomas de posesión en setembro- non tranquiliza as centrais sindicais, entre as que abonda a definición da xuntanza deste xoves como "paripé". As prazas que a Xunta oferta, explican, correspóndense coa taxa de reposición do 100% estipulada nos Orzamentos de 2016, actualmente prorrogados, o cal abre dous escenarios: que o Goberno galego pode seguir adiante aínda que as contas de 2017 non estean aprobadas ou que tería que mudar "todos os números", en verbas do sindicato ANPE, se finalmente o Ministerio de Facenda abre a man e dá en ditar novas normas pola vía do Real Decreto-Lei.

A Consellería chama a "esperar" polos movementos políticos en Madrid e os sindicatos censuran o uso dos opositores como "arma política"

Calquera das opcións é para CIG-Ensino, sindicato maioritario na educación, mostra dunha "situación inédita" na que "se está a xogar cos opositores como arma arreboladiza e moeda de cambio para aprobar os orzamentos", reprocha o seu secretario nacional, Anxo Louzao, en declaracións a Praza.gal. A Xunta, subliña, transitou en apenas "quince días" de prever "convocar as oposicións sen ningún impedimento" a amagar con non facelo. "A situación non variou, só variou a actitude política" do PP e do propio Alberto Núñez Feijóo, acusa, que "en lugar de actuar como presidente da Xunta, con firmeza, actúa como presidente do PP", de "maneira totalmente submisa" no canto de seguir a estela de gobernos como o de Euskadi, "que actúa con determinación" e segue adiante coas oposicións.

Distribución de prazas sen negociación

A CIG-Ensino reprocha que a Xunta "desprece" a Mesa Sectorial e publique a "insuficiente" oferta de emprego "sen termos posibilidade de negociar"

A incerteza e a falta de "seguridade xurídica" non é o único reproche sindical a respecto desta OPE. A Consellería, di Louzao, dá en "desprezar" a Mesa Sectorial, xa que deu en aprobar e facer pública a distribución de prazas entre as diferentes especialidades "sen sequera termos posibilidades de negociar". Esa ausencia de negociación corrobóraa tamén dende UGT Paula Carreiro, quen como Louzao considera "insuficientes" as prazas ofertadas nun contexto no que, ademais, o sindicato CC.OO. lembra o compromiso anunciado polo Goberno de España tras a Conferencia de Presidentes Autonómicos, segundo a cal quedaría eliminada a taxa de reposición para que cada goberno puidese lanzar convocatorias en función das súas necesidades.

Con este pano de fondo as persoas aspirantes a participaren nestas oposicións manteñen os interrogantes sobre se, finalmente, poderán optar ou non a algunha das 912 prazas de ingreso que, como xa se avanzara, serían para un total de 25 especialidades no corpo de mestres, Secundaria e Formación Profesional. O maior número de prazas é para a ESO, con 432, entre as que as especialidades máis numerosas serían Matemáticas (80) e mais Física e Química, lingua galega, lingua castelá, Xeografía e Historia e Inglés (50). Para mestras e mestres a oferta sería de 432, con Pedagoxía Terapéutica (80), Audición e Linguaxe (70) e Primaria (65) como especialidades con máis prazas. En FP a oferta sería de 80 prazas en cinco especialidades.

A oferta pública de emprego completaríase con 131 prazas de promoción interna. Un total de 108 corresponden ao acceso do subgrupo A2 ao subgrupo A1 nunha ducia de especialidades de secundaria. As restantes 23 serían para dez especialidades de música e artes escénicas.

Representantes da CIG-Ensino na Mesa Sectorial de Educación, este xoves CC-BY-NC-SA CIG Ensino

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.