En campaña ata 2016

Campaña institucional das eleccións europeas © Parlamento Europeo

Xa está en marcha a campaña das eleccións europeas. Son os comicios do espazo político no que se toman as decisións que, probablemente, afectarán máis á vida dos países e das persoas no futuro, pero son tamén as eleccións cuxa data só coñece o 16,9% da poboación do Estado, segundo o CIS, e cuxas novas lle interesan a menos do 30% da cidadanía, atendendo ao mesmo estudo. As enquisas de precampaña prognostican unha monumental abstención que en Galicia, din, andará polo 60%. Neste escenario, o principal reto da maioría das forzas políticas será chamar a atención dun electorado aborrecido no pórtico dun longo ciclo electoral que se estenderá, a priori, ata o outono de 2016.

Se nada muda nos vindeiros tres anos o electorado galego estará chamado a renovar, por esta orde, a composición da Eurocámara, dos concellos, das Cortes Xerais e mais do Parlamento de Galicia. Visto dende esta perspectiva os comicios europeos a campaña que arrinca este venres e as votacións do día 25 son, cando menos, un campo de probas para unhas forzas políticas que, no caso galego, non medían as súas forzas dende o 21 de outubro de 2012, cando o PP de Alberto Núñez Feijóo deixou polo camiño máis de 100.000 votos pero obtivo para si tres escanos máis que en 2009. Ademais da continuidade conservadora daquela a principal novidade foi a recomposición da esquerda parlamentaria, coas baixadas de PSdeG e BNG e a irrupción de AGE no hemiciclo.

As principais organizacións políticas que pedirán o voto no país son, con matices, as mesmas que en 2012, aínda que con mudanzas nalgúns dos liderados. Á fronte de PSdeG e BNG xa non están Pachi Vázquez nin Guillerme Vázquez, senón José Ramón Gómez Besteiro e Xavier Vence, que vivirán o 25-M a súa primeira noite electoral como secretario xeral e portavoz nacional, respectivamente. Quen si segue a ser a cabeza visible de Anova é Xosé Manuel Beiras, cuxa organización pide o voto baixo as siglas de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), a coalición que os une con Esquerda Unida e o Espazo Ecosocialista e, ao tempo, os integra na lista da Esquerda Plural.

As candidaturas

Quen opte por non engrosar as filas da abstención terá diante de si ata 41 opcións diferentes, tantas como candidaturas se presentan na única circunscrición destas eleccións: a estatal. En Galicia o gobernante PP di aspirar a quedar por riba do PSOE tendo como referente a Francisco Millán Mon, cuñado de Mariano Rajoy que di ser descoñecido para a xente do común por non ser "político de pasarela". Millán Mon e a outra integrante galega da lista -fóra dos postos de saída-, Carmen Pardo, terán cadansúa axenda nunha campaña que, a efectos prácticos, terá a Alberto Núñez Feijóo como protagonista coas actuacións estelares do propio Rajoy e de cargos como Soraya Sáenz de Santamaría ou Esteban González Pons. "Votemos como galegos pero tamén como españois", reclamou Feijóo no seu acto de Pontevedra.

Pola banda socialista o ex ministro José Blanco é a aposta do PSdeG, que iniciou campaña en Vigo. Con ritmo de campaña dende hai semanas, Blanco recibirá visitas como as da candidata Elena Valenciano, Alfredo Pérez Rubalcaba, Eduardo Madina ou José Luis Rodríguez Zapatero. A súa, din os de Besteiro, será "unha campaña de proximidade" na que apelarán á "mobilización da xente". En verbas da súa secretaria de organización, Pilar Cancela, a idea é transmitir que o voto serve para "decidir entre a socialdemocracia e a igualdade ou as políticas de recortes da dereita". As opcións, di Besteiro, son "dúas: os recortes ou o Partido Socialista".

No caso de AGEe, que pegou os carteis en Santiago, quen aspira a estar en Bruxelas e Estrasburgo é a veterana sindicalista agraria Lidia Senra. Senra, xunto a Beiras, Yolanda Díaz e o resto de membros da candidatura fará unha campaña coa vista posta "nos sectores produtivos" e na necesidade de "rachar coa ditadura da débeda". A fórmula de AGEe, di a candidata, responde ao "espírito de fraternidade e dignidade", que busca tecer unha "alianza de iguais entre as esquerdas de Europa" na "defensa dos bens comúns" e contra a troika. "É a hora do pobo, di o seu lema".

A troika é tamén un dos albos da campaña do BNG, iniciada en Vigo cunha pegada de carteis que comezou en clave musical con Xurxo Souto. "Corazón en Galiza, futuro na terra", reitera o Bloque, cuxa candidata, Ana Miranda, esgrime o seu traballo nas institucións comunitarias como aval para o que define como "equipo da casa". A organización que lidera Xavier Vence preséntase como a vía máis segura para que "Galiza estea" no vindeiro Parlamento Europeo. As formacións estatais, pola súa banda, di Miranda,"hoxe defenden Galiza, mañá Murcia e pasado, Andalucía".

Como nas eleccións galegas de 2012 o voto galego será tamén demandado por Compromiso por Galicia, neste caso representado por quen fora o seu líder xuvenil, Paulo Carlos López. A coalición na que participa CxG, di López, é "a única que ten garantida representación sen dependencias de Madrid". No inicio da campaña o galeguista reitera a necesidade de "participar, acudir ás urnas de xeito masivo" nuns comicios nos que "PP e PSOE van en coalición coa abstención, porque o seu obxectivo é que nada se mova" e "que a cidadanía non saiba nin que hai eleccións".

Francisco Millán Mon, referente do PPdeG © PPdeG
Besteiro e Blanco, no inicio da campaña CC-BY-NC-SA PSdeG
Miranda e Vence, no acto de pegada de carteis CC-BY-NC-SA BNG Vigo
Inicio de campaña de AGEe, en Compostela CC-BY-SA XC
López e membros de CxG, no comezo da campaña CC-BY-SA CxG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.