"En Ciudadanos intentamos a coalición co PP fronte á ameaza real de populistas e nacionalistas"

Beatriz Pino, candidata de Ciudadanos ás eleccións galegas © Ciudadanos

Beatriz Pino (Vigo, 1945), xornalista de profesión, foi deputada no Congreso de xeito efémero durante o medio ano que durou en 2019 a XIII lexislatura estatal. Con responsabilidades de comunicación na executiva de Ciudadanos, é desde hai varios anos a cara máis recoñecible da formación en Galicia, que encabeza para o 12X.

As enquisas non lles dan posibilidade de obter escano. Por que habería que votar a Ciudadanos?

"Non queremos unha Xunta parada, varada sen futuro, que siga na mesma liña dos últimos meses e dos últimos anos, queremos darlle valor engadido"

Porque os galegos non queremos ver un goberno da Xunta de Galicia parado, varado sen futuro, que siga na mesma liña dos últimos meses e dos últimos anos. Os galegos teñen moito que gañar cun goberno no que estea presente este partido político, no que lle deamos valor engadido á Xunta, acheguemos modernidade e capacidade de diálogo, consenso en cada negociación. Ese goberno a mellor podería darse se Ciudadanos está no goberno da Xunta de Galicia.

Beatriz Pino, candidata de Ciudadanos © Ciudadanos

As maiorías absolutas non son boas?

"Xa non estamos en tempos de maiorías absolutas"

Creo que xa non estamos en tempos de maiorías absolutas. Creo que os gobernos monocolor, por dicilo dalgún xeito que o podamos entender, xa son cousa do pasado. Estamos vendo como os gobernos teñen que estar obrigados a entenderse con partidos políticos que aínda que non pensen exactamente igual si que se moven nun mesmo marco constitucionalista e nun mesmo marco do interese común para mellorar a vida dos cidadáns.

No debate electoral vostede presentouse como defensora da clase media fronte á clase política. Tan mala é a política?

Cos meses tan duros que pasamos de confinamento creo que a política non estivo á altura dos cidadáns. Tiveron que ver imaxes bochornosas no Congreso dos Deputados con partidos políticos que estaban abroncándose continuamente con reproches, con cruces de acusacións, e que estaban de brazos cruzados sen facer o que tiñan que facer, que era sentar nunha mesa e buscar solucións. Ese non foi o caso do meu partido. Creo que en Ciudadanos demostramos que somos capaces de facer política útil e á altura das circunstancias. Sentamos cun Goberno co que non compartimos para nada a forma de goberno pero aínda así fomos capaces de desvincular os Ertes do estado de alarma, estender as axudas por desemprego máis alá do mes de xuño ou que os autónomos que non estaban ingresando nada puideran ter un pouquiño máis de alivio. Grazas a eses acordos a día de hoxe 400.000 galegos están podendo cobrar o seu Erte.

Efectivamente no Congreso dos Deputados Ciudadanos coincidiu en diversas votacións non só co PSOE senón tamén co BNG e Unidas Podemos. Vostede xa dixo que “estaría aí” se a Feijóo lle fixese falta para gobernar. Tamén “estaría aí” para secundar medidas dun posible tripartito aínda que non apoie a súa investidura?

"Intentamos ir da man do PP porque pensamos e seguimos pensando que hai unha ameaza real en Galicia por parte de partidos populistas e nacionalistas"

Nós intentamos ata o último segundo buscar esa cogobernabilidade, esa forma de coalición co PP. Estabamos convencidos de que non había que perder polo camiño ningún voto constitucionalista, por iso intentamos ir da man do PP, porque pensamos e seguimos pensando que hai unha ameaza real en Galicia por parte de partidos populistas e nacionalistas. Ante a deriva que está tendo o PSOE en Galicia botándose en brazos de nacionalistas que defenden tesituras perigosas para os galegos creo temos que ser firmes porque non é o que agora necesitan os galegos. Os galegos necesitan saber, ter certa tranquilidade co goberno que van ter. Nesta campaña non estamos decidindo quen vai ser o presidente da Xunta senón que goberno mellor imos ter nos catro anos que temos por diante. E en Ciudadanos non queremos outros catro anos unha Galicia inmóbil, parada.

Ciudadanos naceu como unha formación socialdemócrata e despois foi evolucionando. Hoxe que é?

"Ciudadanos é un proxecto de centro e liberal, as nosas políticas son o salvavidas laranxa"

Ciudadanos é un partido político que defende e está sen moverse do proxecto de centro e liberal da política. Somos un partido que defende e aplica políticas transversais nas que cabe todo o mundo. Somos o partido de todas as familias con f, calquera formato e forma de familia ten cabida no noso proxecto. Apostamos por poñer en valor a calquera emprendedor en Galicia, calquera familia galega, calquera persoa que queira ter futuro na súa terra e que non teña a obriga de saír fóra se quere emprender, se quere innovar, se quere ter futuro. Son políticas que eu sempre chamo o salvavidas laranxa, que xa puxemos en práctica en comunidades autónomas como Madrid ou Andalucía, onde estamos demostrando o que sabemos facer. Están vendo como deixan de sufrir impostos abusivos, as familias andaluzas están desfrutando xa de libros de texto gratis para os seus nenos, de escolas infantís gratuitas de 0 a 3 anos. Por exemplo en Madrid case 200.000 autónomos o goberno da Comunidade liberounos da obriga da cota. Ser o salvavidas laranxa cando as cousas veñan mal dadas. Eu quero que o goberno da Xunta de Galicia se pareza á xente á que gobernamos, ten que parecerse aos nosos autónomos, á nosa clase media, ás nosas familias.

Beatriz Pino nun acto de Ciudadanos © Ciudadanos

No debate da TVG vostede falou en galego. Impuxéronllo ou por que o fixo?

Porque evidentemente é unha lingua na que me sinto absolutamente cómoda e creo que cada un ten que falar en calquera momento como se sinta máis cómodo e como queira falalo. Nós avogamos sempre pola liberdade e pola naturalidade de expresión en calquera dos idiomas que un manexe ou coñeza e porque é unha lingua natural para min e podo falar en galego ou en castelán segundo queira facelo. En calquera caso, estamos falando da televisión pública de todos os galegos e creo que todos sabemos que é unha televisión que defende a nosa lingua, non pode ser doutro xeito, e así o fixemos.

E ese argumento non é válido para o resto da administración pública galega? Que a administración se dirixa á cidadanía en galego para defender esa lingua?

O que ten que facer a administración é dar carta de naturalidade e carta de liberdade. Calquera persoa que viva en Galicia, calquera galego, ten que poder sentirse libre de expresarse ou acceder a documentos da administración en calquera das dúas linguas que afortunadamente coñecemos e entendemos. Se un se sinte máis cómodo falando ou accedendo a documentos públicos en galego, por suposto ten que facelo en galego, pero se sinte cómodo e prefire que o faga en galego ou en castelán, calquera das dúas linguas que temos porque temos esa enorme riqueza. E con absoluta liberdade.

Sexa cal sexa o goberno que se forme, cal lle gustaría que fose a primeira medida pola que votaría a favor no Parlamento se consegue ser deputada?

"Estamos nun momento aínda crítico, isto non pasou, esperan meses complicados ao comezo de outono e temos que estar preparados"

Quero que a primeira foto que vexan os galegos cando pasen as eleccións, o 13 de xullo por tanto, a primeira foto que teñen que ver obrigatoriamente os galegos é unha mesa de diálogo na que esteamos todos os partidos políticos que poidamos representar a toda a cidadanía galega na que nos sentemos a poñer enriba da mesa medidas que axuden á reconstrución económica de Galicia. Estamos nun momento aínda crítico, isto non pasou, esperan meses complicados ao comezo de outono e temos que estar preparados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.