En Común Podemos apela á súa entrada no vindeiro Goberno de España como "garantía de cambio"

Montero, con integrantes das listas de En Común-Unidas Podemos, ao inicio do mitin na Coruña CC-BY-SA En Común - Unidas Podemos

"Estamos máis cerca que nunca de gobernar". A voceira parlamentaria do grupo de Podemos na lexislatura que vén de rematar, Irene Montero, resumiu deste xeito este domingo na Coruña a que, semella, vai ser unha das súas ideas forza na carreira electoral do 28A. No concibido como primeiro gran acto de En Común-Unidas Podemos en Galicia a tamén número dous da formación por Madrid e con ela, candidatos e candidatas ao Congreso, apelaron directamente á súa entrada no vindeiro Goberno de España como "garantía de cambio".

Se "as cloacas" andan "tan preocupadas" é porque "estamos máis cerca que nunca de gobernar" e de que "Yolanda ou Tone acaben sendo ministros", afirmou Irene Montero na Coruña

Co escándalo do caso Villarejo como pano de fondo Montero dirixiuse aos presentes para apelar á súa mobilización. "Levantade a palabra en cada cea, no traballo... Recuperade a palabra e poñede en valor todo o que conseguimos" porque "podemos facer o que este país necesita", proclamou citando propostas en materia de igualdade, pensións ou servizos públicos básicos. Podemos, como tal,  puido "decepcionar", admite, pero a rede "parapolicial" da que foi vítima, é a mostra de que é a única formación que desacouga os poderes que "mandan" con "eleccións ou sen elas", proclamou.

"Para que poidamos gobernar fai falta ir votar", apelou Montero coa vista posta especialmente no potencial electorado indeciso. Se "as cloacas" andan "tan preocupadas", considera, é porque existe unha posibilidade real de que a formación chegue ao vindeiro Executivo no Estado. De que "Yolanda [Díaz] ou Tone [Gómez-Reino] acaben sendo ministros", afirmou.

Irene Montero, no mitin de En Común-Unidas Podemos na Coruña CC-BY-SA En Común - Unidas Podemos

Tamén os cabezas de lista polas circunscricións galegas explicitaron nos seus discursos na Coruña a súa vontade de chegar a gobernar. Entre mencións ás mareas municipais galegas -membros da Marea Atlántica, Ferrol en Común ou Compostela Aberta estiveron entre o público- Yolanda Díaz, cabeza de lista por Pontevedra e sinalada como futura "ministra" por varias das candidatas, sinala algunhas das medidas pactadas co PSOE como exemplo da importancia de que Unidas Podemos sexa "determinante". 

Entre mencións ás mareas municipais galegas Díaz e Gómez-Reino aseguran que só a presenza de Unidas Podemos no Executivo pode garantir "avances" como a recentemente aprobada suba do salario mínimo

Foi o caso da recuperación do subsidio para persoas desempregadas maiores de 52 anos ou da suba do salario mínimo que inicialmente, asegura, os socialistas pretendían subir unicamente "un 5%". Porque o PSOE, acusou, é "experto en derrogar nos mitins" medidas da dereita pero "cando chegan ao goberno, manda quen manda". "En Común-Unidas Podemos ten que ser decisiva se queremos políticas democráticas que poñan a vida da xente no centro", resume.

Se as candidaturas abeiradas por Podemos logran unha representación ampla, proclamaron os aspirantes de En Común este domingo na Coruña, non só escorrentarán a posibilidade dun pacto do PSOE con Ciudadanos. Tamén e sobre todo frearán de vez "un escenario que pode ser volver ao século pasado, á escuridade" da man do PP, C's e a extrema dereita, alertou Gómez-Reino. 

"En común somos máis fortes e temos a posibilidade de avanzar", afirma o candidato pola Coruña, que como as súas antecesoras na palabra asegurou facer súas algunhas das reivindicacións máis presentes en Galicia nos últimos meses, caso do persoal de Alcoa e Poligal ou dos conflitos sanitarios. "Imos construír un goberno realmente do cambio e dende Galicia imos participar directamente nun cambio histórico", augurou para rematar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.