En Marea abócase ao exame de conciencia

Membros de En Marea, tras o 26X Dominio Público @En_Marea

En Marea abócase ao exame de conciencia e xa se propón "repensar" logo dos resultados deste 26X. Os que serían uns exitosos números hai tan só medio ano son agora unha decepción para o espazo de confluencia, que perde case 70.000 votos con respecto ás eleccións de decembro, un escano -pasa de 6 a 5- e o segundo posto en Galicia a costa do PSdeG. Caeu ademais case tres puntos ao pasar do 25% ao 22,17%.

A confluencia galega perdeu un escano e case 70.000 votos, ademais do segundo posto en Galicia

A formación recoñeceu que os resultados "non son os mellores" nin os que "agardaban" pero propóñense continuar o "proxecto" e "repensar o espazo" para conseguir "sumar" máis xente e disputarlle así a Xunta ao PP nas vindeiras eleccións autonómicas. O éxito de En Marea en decembro, con máis de 410.000 votos, viuse agora reducido tras unha lexislatura fallida, algunha lea interna e a imposibilidade de conformar grupo propio no Congreso como telón de fondo. Con todo, o aval dos gobernos locais das plataformas municipalistas que a apoian e as enquisas non facían prever a caída, que en canto a escanos foi confirmada polos 1.600 votos aos que quedou de repetir representación en Ourense, provincia de onde voou o seu deputado.

En Marea recoñece que os resultados "non son os mellores" nin os que "agardaban" pero propóñense continuar o "proxecto" e "repensar o espazo" para conseguir "sumar" máis xente

Malia manter o liderado na esquerda nas provincias atlánticas e na maioría das cidades, En Marea baixou en todas as urbes, tanto naquelas nas que gobernan as mareas coma nas cidades nas que non o fan. Vigo é o mellor resultado para a candidatura, con máis do 30% dos votos. No entanto, a candidatura da confluencia perdeu máis de catro puntos na Coruña e outro tanto en Compostela. E máis de tres en Ourense, Lugo e Pontevedra. 

A cabeza de lista de En Marea por Pontevedra e deputada electa do Congreso, Alexandra Fernández asegurou que "o proxecto nútrese dos movementos da rúa, e a loita é longa". "Seguiremos a traballar no cambio político tamén a nivel do Estado”, insistiu, tras adveritr de que "a loita polo poder ten que pasar pola unidade,  mirar cara ao proceso propio e seguir pulando por que este proceso camiñe con vistas ao futuro". 

Gómez-Reino cre unha "mala nova" a "reordenación do bloqueu conservador" no Estado

O tamén deputado electo, Antón Gómez-Reino, considerou unha “mala nova para o cambio político no Estado español” os resultados. “O bloque conservador reordénase, o que fai que Ciudadanos non teña representación e o PP acumule este bloque conservador de xeito claro. Quédanos o compromiso do traballo, do día a día, de toda esa xente que traballa dia a día nese espazo das mareas que irá pouco a pouco indo máis alá”, dixo. 

Yolanda Díaz, pola súa banda, asegurou que En Marea é “unha marea viva, que rexorde". "Temos a experiencia dabondo para desde mañá comezar a traballar polo futuro, empezar unha nova andaina no noso país", rematou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.