En Marea trasladoulle este venres de novo ao rei a súa aposta por "goberno de cambio" fronte á "tentación conservadora do felipismo zombi" que, segundo a formación galega, está a presionar o PSOE. A voceira do espazo de confluencia, Alexandra Fernández, foi recibida por Felipe de Borbón na segunda rolda de contactos para unha posible investidura e volveulle mostrar a disposición de En Marea a apoiar un goberno alternativo ao PP porque, segundo dixo, "o desexo de cambio político é maioritario entre a cidadanía en Galicia e no conxunto do Estado".
En Marea amosa a súa disposición a apoiar un goberno de cambio porque ese é "o desexo maioritario en Galicia e no Estado"
"Hai que atender ese mandato democrático da cidadanía", engadiu Fernández, tras advertir tras a xuntanza que viu o rei "máis preocupado que a outra vez" ante o bloqueo para a formación do Goberno no Estado. Ademais, a voceira de En Marea cre que o monarca debe manter a súa neutralidade ante esta "situación de excepcionalidade" que ten que resolver o Congreso ao tempo que Felipe de Borbón debe "cinguirse ás súas atribucións non interferindo nin nos tempos nin na toma de decisións".
Sobre o debate de investidura, En Marea "confía en que o PSOE non ceda á tentación conservadora do felipismo zombi". "Deben escoller entre cambio ou gran decepción e non decidir pensando nos consellos de administración nin nos intereses de Felipe González", dixo Fernández, que fixo un "especial chamamento ao PSdeG para que se comprometa co goberno de cambio" e que advertiu que a decisión dos socialistas "compromete o futuro de cambio en Galicia" porque "unha coalición co PP sería darlle osíxeno ao goberno moribundo de Núñez Feijóo". "Pedro Sánchez pode propiciar un cambio político, pero terá que ser valente no comité federal", insistiu.
En Marea advirte ao PSOE de que "unha coalición co PP sería darlle osíxeno ao goberno moribundo de Núñez Feijóo"
En canto a se Podemos debía formar Goberno co PSOE ou non nun hipotético pacto, a voceira de En Marea considera que "primeiro hai que falar das medidas desa ruta de cambio" porqueu "ese é o debate importante, máis aló de se se está ou non no Executivo".
Ao mesmo tempo, Alexandra Fernández, segundo aclarou, manifestoulle a Felipe VI a ocasión que se presenta no Estado para redemocratizar as institucións, reverter as políticas de recortes e recoñecer a plurinacionalidade e o dereito a decicir. Nese aspecto, En Marea insistiu na "realidade plurinacional que non se vai resolver quedándose inmóbil" e volveu apelar ao PSOE, do que non ve "unha resposta concreta", senón "pactos na Mesa do Congreso para que non se vexa representada esa plurinacionalidade no hemiciclo".
Alexandra Fernández insistiu no recoñecemento da plurinacionalidade como aspecto clave para apoiar un goberno de cambio
En Marea tamén lle trasladou ao Xefe do Estado o profundo malestar polas actuacións do Goberno en funcións de Mariano Rajoy, concretamente a ampliación da prórroga a ENCE na ría de Pontevedra. "Dixémoslle que nos parece unha cacicada e un nefasto exemplo de como funcionan as portas xiratorias pois casualmente xente que hoxe ocupa postos no consello de administración de ENCE foron destacados cargos do Partido Popular", denunciou Alexandra Fernández, que viu nesta polémica medida unha razón máis para "un cambio de goberno urxente".
Beiras alerta do "minigolpe palaciego" de Felipe VI
Pola súa banda, o voceiro nacoinal de Anova e deputado de AGE, Xosé Manuel Beiras, alertou do "minigolpe palaciego" que tería protagonizado o rei ao propor a Rajoy para investidura. Segundo dixo, o monarca xa sabía ao recibir a Rajoy da "operación maxistral" de Podemos ao "levantar as cartas tapadas", polo que Felipe VI, na súa opinión, debería ter proposto a Pedor Sánchez. "En lugar de dicir o que di a Constitución, fai que non se entera e propón a Rajoy para que lle dea tempo ao PSOE de paralizar todo e poida seguir todo como estaba", engadiu tras cargar contra "todo movemento do sector feudal do PSOE, incluído Felipe González e o dúo sevillano, para impedir que se fagan alianzas de esquerda", insistiu.
Beiras acusa o rei de propor a Rajoy para que ao PSOE "lle dea tempo de paralizar todo para que todo siga como estaba"
"Aínda está por saber se o sector de Sánchez e o sentir da inmensa maioría das bases e cadros de bases conseguen unha solución normal", continou Beiras, que volveu apostar por un acordo para investir o líder do PSOE sempre que se recollan por "escrito" compromisos sociais, o recoñecemento do dereito a decidir ou a derrogación de leis como a Lomce ou a do aborto. No entanto, lembrou tamén que os socialistas permitiron que "a maioría do PP e Ciudadanos impedisen que os grupos emerxentes" poidan desenvolver a súau actividade "con normalidade".