En Marea asegura que axudará a "reverter" as privatizacións dos parques de bombeiros

Gómez-Reino e outros candidatos, no parque de bombeiros da Coruña CC-BY-SA En Marea

A Xunta amosouse disposta dende comezos de ano a reverter a xestión privada dos parques de bombeiros, que o propio Goberno galego impulsara. Fíxoo por iniciativa das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, as tres que non goberna o PP, mentres que a de Ourense reitera a súa intención de continuar co modelo privado en plena polémica polo nomeamento, como vicexerente do Consorcio Provincail de Bombeiros, do alcalde popular de Laza, José Ramón Barreal. Con este pano de fondo En Marea asegurou este luns que, dende as Cortes e dende un eventual "goberno do cambio", contribuirá a este retorno do servizo de bombeiros e das emerxencias en xeral ao eido público.

En actos simultáneos na Coruña, Silleda e Ourense, candidatas e candidatos da coalición aseguraron este luns, en compaña de persoal dos parques, a súa disposición de "poñer fin á actual situación que están a padecer" cando, en verbas do cabeza de lista coruñés, Antón Gómez-Reino, "cristalice o Goberno do cambio". Ese eventual novo Executivo, asegura, defenderá as emerxencias como "un servizo fundamental e indispensable" que precisa, entre outros aspectos, di, da creación dun Estatuto do Bombeiro.

A coalición asegura que promete o Estatuto de Bombeiro que reclama o persoal

"O Goberno do cambio ten que dar, como eles demandan -di Gómez-Reino-, un estatuto de bombeiros que garanta a súa capacidade profesional, de intervención, medios e coordinación fundamental entre todos eles". Ao seu xuízo, a Xunta, "coa súa privatización, puxo en risco o noso territorio, os nosos montes, a nosa poboación" e ao propio persoal, no que é "imprescindible confiar" e considerar "o seu esforzo por un ben público como este" malia sufrir "continuas agresións por parte das Administracións" nos últimos anos.

As protestas máis recentes polo modelo privado de bombeiros producíronse tras o incendio en Fandicosta

"Non se pode tirar lucro das emerxencias", afirma o candidato, quen asegura que En Marea contribuirá a "recuperar o servizo para mans públicas" como "paso imprescindible" para "grantir a súa imprescindible calidade". Tanto os servizos de bombeiros como os de exintinción de lumes forestais que dependen do Ministerio de Agricultura serán, segundo En Marea, unha aposta "pola titularidade pública" na vindeira lexislatura.

As protestas máis recentes polo modelo privado e "fragmentado" de atención ás emerxencias producíronse tras o incendio de Fandicosta, en Redondela, o pasado mes de maio. Despois do sinistro os bombeiros de Vigo aseguraron que o 112, dependente da Xunta, non lles permitira intervir no sinistro cando o incendio "xa estaba colapsado" e atribúen esta circunstancia á falta de medios que, asegura, caracteriza as empresas privadas concesionarias dos parques comarcais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.