En Marea compromete a recuperación do plan de saúde mental "que Feijóo abandonou en 2009"

Luís Villares, con Concha Fernández (esquerda) e Flora Miranda, no hospital compostelán de Conxo CC-BY-SA En Marea

O hospital de Conxo, en Santiago, e o hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo. Foron os escenarios, este luns, da presentación do programa de En Marea en materia de sanidade. O candidato da formación á presidencia, Luís Villares, trasladouse xunto a candidata pola Coruña Flora Miranda e mais a edil compostelá de Políticas Sociais, Concha Fernández, ata o histórico centro psiquiátrico para comprometer a que vén sendo unha das principais demandas da oposición galega e de boa parte dos profesionais do sector sanitario nos últimos anos: a recuperación do plan galego de saúde mental que, acusan, o PP "abandonou" tras retornar ao poder en 2009.

"O noso país será máis saudable na medida en que tomemos en consideración a xustiza social e a eliminación da desigualdade", resumen, nun contexto no que, resaltan, "os profesionais constatan" as "serias repercusións" que tiveron os recortes nas persoas que sofren algunha enfermidade mental. Neste sentido, Miranda resalta o "incremento nos casos de suicidio" -a cifra do pasado 2015 foi a maior en 20 anos, segundo datos oficiais- fronte ao cal o PP "só asumiu un plan para a súa prevención a última hora e con afán electoralista". No entanto, di, "en oito anos desmantelouse o plan de saúde mental, co consecuente debilitamento de recursos na atención ás persoas máis vulnerables".

"O PP só asumiu o plan para a prevención do suicidio a última hora e con afán electoralista", reprochan

"Cómpren psicólogas, psiquiatras, enfermeiras e traballadoras sociais que traballen un modelo de atención integral e comunitario", di Miranda, nun contexto no que tanto Villares como a concelleira de Santiago resaltan tamén o papel da atención primaria neste tipo de doenzas. "Cómpre unha atención primaria digna, que exerza o seu papel de primeiro nivel de asistencia accesible, resolutivo e achegado ás persoas, especialmente no rural". O médico 'de cabeceira', indican, é  "vital na detección e abordaxe de patoloxía mental", que non é posible atallar se as consultas "están saturadas e as profesionais atenden corenta pacientes ao día".

O reforzo da atención primaria forma parte dun paquete de medidas entre as cales En Marea destaca tamén a "coordinación" do Sergas cos servizos socais, así como o enfoque específico para mullere vítimas de violencia machista. "Reforzaremos -aseguran- a dotación de recursos nas Unidades de Saúde Mental, que deberán coordinarse cos centros de saúde" e "crearase unha de atención á saúde mental infanto-xuvenil no sur de Galicia". Se a formación chega ao Goberno, manteñen, será desenvolvido o Plan de Atención ao Suicidio que reclaman organizacións como o Movemento Galego da Saúde Mental, e "valoraremos a dotación de unidades de psicoxeriatría", conclúen.

Luís Villares, con Concha Fernández (esquerda) e Flora Miranda, no hospital compostelán de Conxo CC-BY-SA En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.