En Marea compromete o impulso da 'lei trans' se logra representación no Congreso

Acto de En Marea con colectivos LGTBIQ na Casa da Luz de Pontevedra CC-BY-SA En Marea

Impulso da lei de protección xurídica das persoas transexuais cuxa tramitación parlamentaria non chegou a culminar na última lexislatura estatal. É unha das propostas que En Marea asegura que desenvolverá no caso de lograr representación no Congreso tras o 28A e que a formación resaltou este mércores nun encontro con representantes de colectivos LGTBIQ en Pontevedra.

A número un de En Marea por Pontevedra, Iris Malvido, expuxo xunto ao voceiro da formación, Luís Villares, as que serían as súas prioridades neste eido. Xunto a Aura Leirós, en representación dos colectivos participantes no encontro celebrado na Casa da Luz, Malvido apunta á aprobación da coñecida como 'lei trans', pero tamén dunha nova lexislación que, por exemplo, "potencie a abordaxe do acoso escolar que sofren as persoas LGTBI".

Aura Leirós advertiu en representación dos colectivos de persoas LGTBIQ das "serias ameazas" derivadas do ascenso da extrema dereita

Esas demandas foron secundadas por Leirós nun contexto no que, afirma, as persoas transexuais se expoñen a novas e "serias ameazas" polo ascenso de formacións de extrema dereita. Non en van, advirte, o partido Vox defende ás claras a súa intención de "suprimir todas as intervencións" de cambio de sexo na sanidade pública no caso de teren capacidade de facelo. "Non poden facelo", di.d

Iris Malvido, Aura Leirós e Luís Villares CC-BY-SA EM

Villares coida que "lamentablemente, cinco anos despois" da aprobación da lei LGTBI galega "o balance é bastante pobre"

Neste contexto Villares coida que, tras a "oportunidade" da lei galega LGBTI do ano 2014, cómpre "desenvolvela" e ir alén. "Lamentablemente, cinco anos despois o balance é bastante pobre". Existen, din, "competencias galegas e estatais" que cómpre aplicar para, por exemplo, aplicar un "protocolo específico contra o acoso escolar" ou habilitar "unidades sanitarias que poidan atender os menores transexuais". 

Do mesmo xeito, advirte Villares, En Marea continuará a defender que "o Sergas suma de forma inmediata" as intervencións de cambio de sexo sen someter as persoas que as precisan a longos trámites "burocráticos". Estas propostas, agrega Aura Leirós, chegan nun contexto de elevadas "taxas de suicidios de persoas trans" ante situacións como "non poder acceder ás hormonas" en momentos cruciais da vida. Por iso a lei trans estatal "non pode seguir bloqueada", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.