En Marea di que negociará co PSOE "a maiores" de Podemos e con "documento propio"

Alexandra Fernández, deputada de En Marea © En Marea

En Marea insiste en que negociará co PSOE "con documento propio". A portavoz da formación galega no Congreso, Alexandra Fernández, asegurou este domingo ante as críticas por non incluír Galicia na axenda que estaban "esperando a que se abrisen o momento das negociacións". Fíxoo logo de participar nun acto sobre a confluencia en Compostela e onde aclarou que a coalición traballo por unha banda dentro do grupo confederal apoiando unhas "liñas básicas" a nivel estatal e logo, dentro da propia Marea, cunhas exixencias específicas para Galicia. 

"En Marea abrirá as súas negociacións co Partido Socialista co seu documento propio", di Alexandra Fernández

"En Marea abrirá as súas negociacións co Partido Socialista co seu documento propio", dixo Fernández, que aclarou que desde a formación non entenden "que poida existir un goberno de cambio se non atendemos a cuestións concretos que suceden en Galicia". Así, citou aos problemas dos "sectores produtivos", un "reparto xusto das cotas do cerco", "prezos xustos para o lácteo" ou a oposición á prórroga de Ence na ría de Pontevedra. Son as cinco condicións mínimas que exixirán a Pedro Sánchez para apoiar a súa investidura

A formación galega asegurou que se as reivindicacións galegas non se incluíron no documento base de Podemos foi porque esperaba o momento das negociacións e non esta "especie de show" no que, segundo Fernández, se estivo até o de agora. Tal e como aclarara En Marea a Praza, a coalición elaborará un documento propio que se presentará como anexo ao de Podemos para unha negociación sobre as necesidades para Galicia. 

En Marea aclara que ten "autonomía política" para dicir a súa posición e que abrirá diálogo co PSOE

Ademais, asegurou que En Marea ten "autonomía política para decidir cal vai ser a súa posición". "Nós temos unha estratexia compartida dentro do grupo confederal, pero desde logo tamén temos autonomía política", insistiu. Así, insistiu en que a coalición galega "abra diálogo co PSOE, a maiores das negociacións que se poidan dar dentro do marco do grupo confederal".

"En Marea transmitirá cales son as cuestións que pretende que se leven a esa mesa de negociación", dixo respecto da xuntanza entre PSOE, Podemos, IU e Compromís. Ao tempo, aclarou que "se abrirá tamén esa negociación co PSOE das cuestións concretas que afectan á cidadanía galega". 

Alexandra Fernández cre que é o momento de "abrir un proceso constituínte" no Estado onde "se abra tamén" o debate sobre "a cuestión territorial" que, na súa opinión, "só se pode solucionar a partir do dereito a decidir dos pobos". 

En Marea Veta calquera goberno no que se inclúa Ciudadanos

En canto á posibilidade de que o PSOE chegue a un acordo con Ciudadanos, a voceira de En Marea aclarou que "calquera goberno" no que se atope a formación laranxa "vai ser de recambio". Para En Marea, as propostas económicas do partido de Albert Rivera provocan "máis empobrecemento das clases populares". "Vemos incompatible calquera tipo de goberno que sexa co PP 3.0". 

En canto ás autonómicas, Fernández considera que "a lexislatura de Feijóo está bastante esgotada" e agarda que "En Marea siga avanzando na acumulación de forzas" para ser "a alternativa política ao PP". 

Alexandra Fernández, deputada de En Marea © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.