En Marea forma grupo con Podemos sen disciplina de voto e con "portavocía propia"

Os deputados e unha senadora de En Marea, ante o Congreso © En Marea

En Marea non terá grupo propio no Congreso. O veto da maioría da Mesa (PP, PSOE e Ciudadanos) a que tanto a coalición galega como En Comú Podem e parte da coalición no País Valencià se conformasen como grupo independente na Cámara Baixa provoca que o espazo de confluencia se inclúa nun único grupo "plurinacional" (así se chamará), formado polos deputados do partido morado, os seis galegos, os 12 da formación catalá e a maioría dos da valenciana, pero sen os catro de Compromís. 

En Marea integrarase no grupo "plurinacional" que inclúe a Podemos e En Comú Podem

Actuarán, segundo o acordo, con varias portavocías e sen disciplina de voto, polo que non terán que seguir as directrices de Podemos en ningún caso, pero veranse obrigados a optar pola última das opcións que contemplaban. "En Marea contará con portavocía propia e terá independencia política e económica como agrupación parlamentaria", adiantou a formación, que insiste en que "manterá voz propia no Grupo Plurinacional do Congreso", que contará con 65 parlamentarios. 

"Cumprimos cos requisitos e o resultado do 20D abriu un novo escenario que está sendo bloqueado por esta alianza do réxime que quere impedir que a nosa candidatura teña voz", explicou en rolda de prensa Alexandra Fernández, a que será primeira portavoz de En Marea, que aclara que, malia querer "facerlles saber aos partidos do bunker" o que supoñían as confluencias, "só" atoparon "un muro e unha negación constante". "Non son capaces de entender este novo escenario", engadiu quen advertiu que "En Marea supera a suma de partes" e que é "un espazo con entidade propia que seguirá tomando as decisións colectivamente e que traballará cos pés en Galicia e xunto aos aliados do resto do Estado". "Temos autonomía política e financeira e axenda e portavoces propios", repetiu, tras gabar a "creatividade e cooperación" da solución buscada ante a "negativa sistemática" que os "condenaba ao grupo mixto". 

"Logo de intensas xornadas batendo de fronte co muro infraqueable da Mesa do Congreso dos Deputados, En Marea decidiu deixar de ser un xoguete nas súas mans e resolver o bloqueo ao seu grupo a través dunha alianza estratéxica coas forzas do cambio no Estado, as nosas forzas irmás", aclarou a formación nas redes sociais. 

En Marea asegura que "terá autonomía política e financeira e axenda e portavoces propios" e promete "traballar cos pés en Galicia"

A figura de agrupación parlamentaria ten un precedente. Foi, concretamente, na terceira lexislatura (1986-1989), cando Democracia Cristiana, Partido Liberal e IU se acolleron a esa fórmula. O funcionamento do Grupo Plurinacional, ademais, será semellante ao levado a cabo na pasada lexislatura por La Izquierda Plural, onde se incluía IU, ICV e a Chunta e onde houbo diferentes portavocías. 

Malia a negativa da maioría da Mesa do Congreso ao grupo propio, En Marea tratou ata o último momento -rexistrouse o grupo a só uns minutos da hora límite- optar por esa solicitude. Como alternativa, tanto a coalición galega como En Comú Podem e Compromís-Podemos apostaron por conformar un "grupo plurinacional" que xuntase todas as confluencias sen Podemos, pero nin o PSOE nin o PP facilitaron tampouco esa opción.

PSOE e PP tampouco aceptaron que as tres confluencias conformasen un único grupo á marxe de Podemos

Descartada por completa a posibilidade de integrarse no grupo mixto, para a que o PSOE chegou a ofrecer unha "ficción xurídica" a través dun subgrupo e máis recursos económicos, En Marea decidiuse pola única que lle quedaba para manter certa visibilidade como formación autónoma e galega, pero sen o desexado grupo propio, obxectivo co que se presentara ás eleccións xerais, e sen optar polo recurso ao Tribunal Constitucional, como adiantara. A posiblidade de que os deputados se separasen en distintos grupos segundo a súa militancia non se contemplou, algo que si ocorre no caso de Compromís-Podemos, onde as diferenzas son moi grandes.  

Así, os catro deputados de Compromís elixidos dentro da coalición valenciana rexistráronse como grupo propio, algo inviable agora mesmo, e todo parece indicar que se unirán ao grupo mixto.

Desde En Marea advírtese de que foi o PSOE quen con máis decisión fechou calquera opción ao grupo propio e que a súa postura "foi determinante". "Houbo máis reticencias no Partido Socialista que no PP", advirten fontes da coalición, sabedores tamén de que Pedro Sánchez ve na formación morada e nas coalicións unha ameaza para liderar unha alternativa progresista no Estado. Xavier Domènech, voceiro de En Comú Podem, asegurou en rolda de prensa que "a primeira e máis rotunda negativa foi a do PSOE". "Os socialistas parecían formularnos isto de cara a unha investidura e isto foi do máis frívolo; estiveron xogando con nós, un dobre xogo a dividir", insistiu. 

"Houbo máis reticencias ao grupo propio de En Marea no PSOE que no PP"

En Galicia, as reaccións non tardaron. Nas redes sociais, o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, cre que é "unha mágoa que Galiza non teña grupo propio", pero considera tamén que en En Marea "sabíano de antemán cando aceptaron imposición de Podemos". "Habería grupo de aceptaron a proposta do Bloque", asegurou. 

 

Veto do PP no Senado ao grupo de "nacións sen Estado"

No Senado, pola súa banda, En Marea inscribiuse no Grupo Plurinacional Podemos Euskadi-En Comú-Compromís- En Marea como "resultado da aposta plurinacional das candidaturas polo cambio nas pasadas eleccións xerais". Segundo di a formación galega, "trátase dun grupo viable á luz do regulamento da Cámara Alta e que responde á vontade da cidadanía expresada no resultado do pasado 20 de decembro".

No entanto, este grupo de "nacións sen Estado" proposto polas confluencias e Podemos atoparase este mércores co veto do PP. Malia que o PSOE acepta a súa conformación, a Mesa do Senado acabará por rexeitalo grazas á maioría absoluta dos populares, que apostan por non darlle voz a este grupo que pretendía visibilizar a realidade plurinacional. 

Rexistro do grupo de "nacións sen Estado" no Senado © En Marea
Alexandra Fernández, Errejón e Domènech © En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.