En Marea lanza a súa campaña en Ourense: "Xustiza social fronte ao señor feudal"

Villares e Beiras, con Ánxeles Cuña e David Rodríguez, no mitin do Carballiño CC-BY-NC-SA En Marea

"Decidímonos por Ourense pola evidencia da despreocupación que Feijóo ten polos problemas de Galicia". A provincia de Ourense figuraba na axenda de En Marea como punto de partida da súa campaña electoral. Non en van, o seu primeiro mitin íase celebrar no serán do pasado venres, en Xinzo de Limia. A suspensión da campaña por mor do accidente ferroviario do Porriño provocou un reaxuste que derivou en que a primeira parada da caravana do candidato Luís Villares fose finalmente O Carballiño. Dende alí, acompañado por Xosé Manuel Beiras  e a pouca distancia dun acto de campaña que simultaneamente celebraba José Manuel Baltar e outros membros do partido, Villares contrapuxo o que, di, é o modelo político de En marea, baseado na "xustiza social", co modelo "feudal" do PP.

O parque acuático que Alberto Núñez Feijóo prometeu a pasada semana "do ganchete de Baltar" o "mesmo día que se queimaban os montes ao seu redor" non será "grande dabondo para lavar as vergoñas do PP en Ourense", di Villares. O titular da Deputación de Ourense e a súa vontade de "exercer como señor feudal que exerce o dereito de pernada, como na peor época medieval", di, é un bo xeito de "exemplificar quen son eles e quen somos nós" no que, admite, é "o primeiro mitin da miña vida" nunha campaña electoral. É o primeiro, afirma, porque vén de "deixar a toga" de xuíz para abordar "as inxustizas que unha sentenza non pode resolver, porque hai leis inxustas e é necesario cambialas".

Villares propón unha lei ferroviaria de Galicia que sirva de base á transferencia das competencias e a creación "da compañía galega de ferrocarrís"

Na estela das mareas municipais que, afirma o candidato á Presidencia, "demostraron que era posible plantar cara a quen se comportaban como verdadeiras mafias". O seu, di, é un proxecto "rupturista", pero non na liña da que alerta o PP: "Somos rupturistas coa corrupción e co desencanto" e "co modelo produtivo que nos condena ao abandono e á insolidariedade". Se chega ao Goberno, di, o seu gabinete concibirá "o país como unha integridade, por iso non imos discriminar os concellos nos que non nos voten". Dende esa concepción "integral", di, chegarán medidas como "a comarcalización completa de servizos" ou a reclamación de transferencias de competencias en materia territorial e de transporte.

Tendo como base unha "lei ferroviaria de Galicia", compromete o candidato, un Goberno de En Marea pularía polo traspaso competencial para "crear unha compañía galega de ferrocarrís" e, a partir dela, un "servizo galego de cercanías urbano e metropolitano". "O transporte colectivo e público é o sistema vertebral dun país, dun país de iguais", resume co accidente do Porriño como pano de fondo, sinistro sobre o que "tempo haberá para facer outras valoracións". "Hoxe -afirma- corresponde mensaxe de solidariedade".

Aval de Beiras a Villares

Beiras censura que Feijóo se gabe de enviar os feridos no Porriño "á sanidade que eles desmantelan". "Iso é delincuencia", conclúe

O descarrilamento do tren da CP e Renfe estivo tamén presente, nun ton máis duro, na estrea de Beiras na campaña. Para o histórico nacionalista este suceso devolve á memoria as "mentiras" do accidente de Angrois, ante o cal, acusa, "Núñez de Los Peares" se comportou, ao seu xuízo, "como unha persoa indecente e desalmada", tanto coas vítimas como ao vetar a investigación no Parlamento. "E agora teñen a jeta de dicir que o que hai que facer é que os feridos curen canto antes nunha sanidade que eles desmantelan paso a paso". "Iso é delincuencia" e amosa que os populares "carecen de escrúpulos e alma, compórtanse como androides", di.

Fronte a quen "utiliza a maioría absoluta como partido único", "que mellor ter como candidato un maxistrado honesto e incorruptible", di Beiras, en referencia a Villares. "Como non se vai votar a quen xa loitou polos cidadáns na maxistratura?", agrega para animar a un "combate político que ten como núcleo un combate moral". "Utilicemos a nosa forza, que é palabra, fronte a división panzer da brunete mediática e da fábrica de estupefacientes do poder central, no Estado e en San Caetano" para "correlos a cantazos cos votos", apela.

Mitin de En Marea, este sábado no Carballiño CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.