Os cinco deputados de En Marea no Congreso presentaron na tarde deste martes a súa solicitude para constituírse como grupo parlamentario propio diferenciado do de Podemos, no que estiveron integrados durante o medio ano escaso que durou a anterior lexislatura. Malia que como entón contan coa negativa previa e expresa á súa solicitude por parte de PP, PSOE e Ciudadanos, agora si formalizaron a súa solicitude, que entón non chegaran presentar.
En decembro non chegara a solicitalo ante a negativa anunciada de PP e PSOE, pero agora dise disposta a acudir ao Constitucional.
Logo das eleccións xerais de decembro os entón seis deputados de En Marea (cinco é a cifra mínima para poder crear un grupo) atopáronse coa negativa de PP, PSOE e Ciudadanos a que se constituíran como tal separados de Podemos co argumento de que o regulamento da cámara di que “non poderán formar grupo parlamentario separado os deputados que, ao tempo das eleccións, pertencesen a formacións políticas que non se enfrontasen ante o electorado". Ante o temor de solicitalo formalmente, que se lles negase e acabar formando parte do Grupo Mixto, En Marea decidiu entón non formalizar a petición. Agora, pola contra, si o fan co obxectivo declarado de chegar ao Tribunal Constitucional se non obteñen o permiso da Mesa da Cámara. En Marea asegura que, de non acadar o grupo, seguirán participando do que configuren Unidos Podemos e En Comú Podem “no marco do diálogo e da alianza fraterna compartida” para “ter un instrumento que defenda a cidadanía galega e manteña as características dun grupo parlamentario propio, a través da unidade coas confluencias do conxunto do Estado”.
Segundo a portavoz de En Marea, Alexandra Fernández, “non se pode facer un cambio de cromos cos grupos nin xogar cos nosos dereitos”. Fernández di que, se finalmente se lle concede grupo a Convergencia Democrática de Cataluña, cuxos votos terían facilitado ao PP a presidencia do Parlamento, “a legalidade da Cámara quedaría absolutamente en entredito”.