En Marea, PSdeG e BNG buscan fórmulas para evitar que esmoreza a investigación dos recortes sanitarios

Os voceiros de En Marea, PSdeG e BNG, nos corredores do Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Foi unha imaxe practicamente en dez anos de Goberno do PP e os seus efectos incomodaron especialmente nas filas conservadoras. O acordo de En Marea, PSdeG e BNG para activar unha comisión de investigación sobre os recortes sanitarios impactou nun eido de xestión do Goberno galego obviamente sensible para a cidadanía, a sanidade, ao que ademais o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, gusta de vincularse directamente polo seu pasado como máximo responsable do Sergas (1991-96) e do Insalud (1996-2000). Fixérono utilizando o mecanismo regulamentario que, dende 2015, permite abrir unha comisión de investigación sen o apoio da maioría absoluta -neste caso, do PP-.

Como era previsible, inmediatamente despois da constitución da comisión, os populares fixeron valer a súa maioría absoluta para tomar o control das pescudas. Fixérono á hora de aprobar o plan de traballo da comisión, documento que define a documentación a manexar e, sobre todo, as persoas que serán chamadas a comparecer. Os grupos da esquerda manexaban unhas 200 propostas de comparecentes que reduciron a unha lista conxunta duns 80, pero o plan do PP era outro. Os de Feijóo escolleron unha vintena de nomes e deixaban fóra, por exemplo, a familia do home falecido no Punto de Atención Continuada da Estrada sen atención médica e a diversos representantes sociais e de empresas sanitarias, entre outros moitos. A oposición considerou un "escándalo" o acontecido e abandonou a comisión mentres o PP aprobaba en solitario o seu propio plan e agora estuda o xeito de amosar que a investigación sobre os recortes sanitarios non ficou esfarelada ante o primeiro atranco.

Dende o día que o PP aprobou o seu plan de traballo existen contactos entre os tres grupos da oposición para estudar como reconducir a situación

Fontes parlamentarias dos grupos da oposición consultadas por Praza.gal confirman que dende o mesmo día en que o PP impuxo o seu plan de traballo existen contactos entre En Marea, PSdeG e BNG para estudar como reconducir a situación. Existen "moitas opcións" sobre a mesa, confirman as mesmas fontes. A intención é tanto amosar que a esquerda parlamentaria segue unida neste ámbito como evitar que queden sen escoitarse publicamente voces como as da familia do doente falecido na Estrada, morte que estivo na xénese da propia investigación, pero tamén outras como as de persoal que leva meses mobilizado para reclamar máis medios no Servizo Galego de Saúde.

Luís Villares, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, con representantes sindicais nunha manifestación contra a reforma sanitaria / Praza Pública

Unha das posibilidades sobre a mesa é artellar unha ou varias xornadas á marxe da comisión onde serían convidadas a comparecer persoas e entidades vetadas polo PP na investigación oficial

As posibilidades son diversas e non hai ningún acordo pechado. Unha delas sería que En Marea, PSdeG e BNG fosen quen de artellar a organización dunha ou varias xornadas á marxe da propia comisión ondeserían convidadas a comparecer persoas e colectivos vetadas polo PP na investigación oficial. Trataríase dunha actividade conxunta que, en rigor, sería semellante ás que os tres grupos da oposición adoitan celebrar por separado para tratar no propio Pazo do Hórreo diferentes cuestións sectoriais como a política forestal, a loita contra a violencia de xénero ou a propia sanidade, entre outras. De chegar este acordo pretenderían transmitir que segue en pé o que un dos dirixentes directamente implicados na negociación da propia comisión de investigación deu en definir como "xuízo político aos recortes" durante a década da crise económica.

Mentres as conversas continúan sen desbotar outras vías -fontes parlamentarias admiten que tampouco está pechada a vía dun acordo diferente co PP, que admiten como improbable-, os grupos da oposición admiten publicamente que non dan este capítulo por pechado. Así o fixo este luns o voceiro de En Marea, Luís Villares; o seu homólogo socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, e mais a deputada do BNG Noa Presas. Mentres, pola banda do PP o seu voceiro, Pedro Puy, apresurouse en evidenciar que unha eventual rolda de comparecencias organizadas pola oposición non tería validez oficial, dixo á vez que eloxiaba a "xenerosidade" do seu propio grupo ao ofrecer engadir ao seu propio plan de traballo 20 nomes escolleitos entre as propostas da oposición.

O PP eloxia a súa propia "xenerosidade" na constitución da comisión e evidencia que un acordo paralelo da oposición non sería unha investigación oficial

Onde os conservadores sinalan "xenerosidade" os grupos da oposición ven un intento do PP de utilizar a comisión que eles mesmos propiciaron para amosar unha visión "idílica" da xestión sanitaria do Goberno de Feijóo durante a crise. Neste sentido o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, aproveitaba a pasada semana a súa preceptiva comparecencia ante a comisión de Orzamentos para subliñar que os fondos sanitarios do Goberno galego en 2019 estarán por riba dos incluídos nas contas públicas que deseñara hai dez anos o Executivo de coalición de PSdeG e BNG. Se ben esa afirmación é rigorosamente certa non o é menos que, atendendo ao proxecto orzamentario de cada ano, o recorte acumulado nesta década foi superior aos 1.000 millóns de euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.