En Marea comeza o percorrido electoral polo país ao pé dos tanques de Reganosa e das vivendas da súa contorna. Apenas dous meses despois de que o Goberno de España en funcións decidise librar a regasificadora de Mugardos da avaliación de impacto ambiental os candidatos á reelección pola coalición na provincia da Coruña, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, acudiron á zona acompañados por unha representación do Comité Cidadán de Emerxencia para poñer a súa "loita" contra as "falcatruadas do PP" na zona como mostra do "cambio político" que, auguran, ha chegar o 26 de xuño.
Cómpre, di Gómez-Reino, reivindicar "loitas populares" coma esta, que "levan moito tempo loitando polo país", pero tamén "poñer de relevo quen se está beneficiando" de medidas coma esta, decidida polo Consello de Ministros despois das sentenzas do Supremo que anularon as primeiras autorizacións de Reganosa. "Como pode dicir Feijóo que aquí se está a cumprir coa legalidade?", pregúntase, nun contexto no que, asegura, "unha maioría de cambio" tras o 26-X pode permitir "exercer o que a xente está pedindo, Reganosa fóra da ría".
Gómez-Reino: "Como pode dicir Feijóo que aquí se está a cumprir coa lei?"
Nesta liña, Yolanda Díaz coida que o sucedido con Reganosa dende o seu comezo "exemplifica a corrupción que estamos a combater dende En Marea" e que antes afrontaron movementos como o 15-M. "Isto vai rematar", augura a candidata, quen cre necesario "agradecer" ao Comité "que leve defendendo o ben común dende hai máis de quince anos", logrando "nada máis e nada menos que facer que se respecte a legalidade" a través de sentenzas que acreditan "que o que aquí temos é ilegal". "O cambio político son elas, as persoas exemplares que loitan dende hai anos para que Galicia respire mellor", asegura.
"O cambio político son as persoas que loitan dende hai anos para que Galicia respire mellor"
A intervención de Gómez-Reino e Díaz foi apoiada por unha das voceiras do Comité, Luz Marina, quen aproveitou a súa intervención para aplaudir que o pleno do Concello de Mugardos tomase posición contra a permanencia de Reganosa, unha "aberración" da que ela fala "con coñecemento de causa", toda vez que está á beira da súa casa. Ao seu xuízo, propostas como as de En Marea son "o que necesitamos, o que necesita este país para saír desta corrupción". "Non só rouban os cartos, que é bastante, tamén poñen en perigo a poboación", censura.
Así as cousas, dende En Marea asegúrase que na nova lexislatura estatal volverán tentar o que xa procuraron coa infrutuosa solicitude de convocatoria da Deputación Permanente do Congreso para defender alí que Reganosa non sexa legalizada e, polo tanto, fique blindada a súa continuidade na ría ferrolá. A regasificadora e o xeito en que foi instalada, di Luz Marina, foi "un atropelo a todos os cidadáns" e os actuais gobernos "sábeno, pero élles igual, porque son os seus amigos", lamenta.