En Marea rende contas á cidadanía reivindicando o traballo por Galicia no Congreso

Os seis deputados de En Mara durante a 'rendición de contas' Dominio Público @En_Marea

En Marea rendeu contas este venres á cidadanía nun acto aberto na Coruña. Os seis deputados no Congreso da formación explicaron o seu traballo na Cámara Baixa, reivindicaron o seu labor e iniciativa propia e escoitaron as demandas, queixas e reclamacións de varios dos asistentes ante un cento de persoas no local da Marea Atlántica da Coruña. 

Loitar polo tren de proximidade en Galicia, non perder a mobilización na rúa, dotar ao rural de conexión a internet, mellorar a interacción entre a cidadanía e formación política ou instaurar delegacións nas localidades galegas para achegar reivindicacións sociais foron só algunhas das propostas dun auditorio ateigado na primeira das xuntanzas coas que En Marea pretende "render contas" ante a sociedade. Esta foi a primeira pero haberá, como mínimo, unha en cada unha das urbes. Alí, ben seguro, os deputados volverán destacar as posibilidades que lles dá formar parte do grupo confederal xunto a Podemos e En Comú Podem, tal e como fixeron este venres. 

"O grupo confederal deunos unha presenza en comisións e unha relevancia no Congreso como nunca Galiza tivo na súa historia"

"O grupo confederal deunos unha presenza en comisións e unha relevancia no Congreso como nunca Galiza tivo na súa historia", asegurou Miguel Anxo Fernán-Vello, que explicou como o resto de parlamentarios en que consistía o seu labor na Cámara e as iniciativas presentados e/ou aprobadas nela. "Xa conseguimos moitas cousas para o país", insistiu Yolanda Díaz, que lembrou as propostas sobre Ence ou sobre un novo modelo enerxético e que destacou a importancia de que En Marea estea presente en todas as comisións ou na portavocía estatal que ela, Antón Gómez-Reino e o propio Fernán-Vello ocupan en varias delas. 

"Non somos subalternos de ninguén e asinamos como En Marea", insistiu a deputada ferrolá, que coincidiu con Alexandra Fernández e Ángela Rodríguez en destacar "o traballo importante que se fai por Galicia" no Congreso. Elas pero tamén o resto dos parlamentarios solicitaron da sociedade colaboración e achegas continuas "para levar as súas problemáticas" a Madrid e reivindicaron o "contacto directo", tanto nesta rendición de contas como nas reunións con colectivos polo país adiante, ademais de avanzar que implementarán sistemas telemáticos e a través de internet para mellorar o contacto coa cidadanía. 

En Marea reivindica o seu labor e as posibilidades do grupo confederal pero recoñece que falta "un goberno de cambio para influír na vida das persoas"

Nun auditorio que gabou o traballo dos deputados pero no que tamén se escoitaron voces decepcionadas pola imposibilidade dun grupo propio, os representantes de En Marea insistiron nas "posibilidades" que a súa autonomía e a "cooperación confederal" lles ofrece tras a "decisión política inxusta" que os deixou sen ese grupo e lembraron os réditos desa "alianza fraterna" con Podemos ou En Comú Podem. 

Con todo, e malia o traballo feito, En Marea insistiu en que falta "un goberno de cambio para influír na vida das persoas" e instou ao PSOE a "deixar de xogar a varias mans" e apostar por unha vía progresista de cara a unha posible investidura e non polo acordo con Ciudadanos, "un trampolín cara a gran coalición cooas mesmas políticas que as do PP pero con maquillaxe". 

Nun acto no que o deputado David Bruzos destacou a "transparencia, comunicación e participación" como eixos fundamentais de En Marea, foi el mesmo quen espiu as contas da formación para aclarar que os deputados cobran entre 1.900 e 2.100 euros ao mes ademais das dietas e que o resto de asignacións económicas que lles corresponden polo seu labor nas comisións destínanse, maioritariamente, a un "peto conxunto" para o traballo do resto de equipo da coalición en Madrid e gastos derivados e unha pequena parte que cada parlamentario destina a cadansúa formación. 

Antes do encontro aberto á cidadanía, os deputados de En Marea reuníronse tamén con integrantes da Marea Atlántica e insistiron no "traballo en rede" para levar reivindicacións da urbe e da comarca ao Congreso, unha interacción que desde a formación galega pretenden facer co resto de "mareas amigas" no país, sendo estas sedes das candidaturas municipalistas as propostas por algún dos asistentes para que os veciños poidan deixar as súas reclamacións á coalición do Congreso. "É moi importante que nos demostremos cada día que sigue habendo marea", insistiu Ángela Rodríguez. 

Os seis deputados de En Mara durante a 'rendición de contas' Dominio Público @En_Marea
Acto de 'rendición de contas' de En Marea Dominio Público @En_Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.