En Marea mantén a súa man tendida ao PSOE pero cunhas condicións "concretas" para Galicia. A voceira da formación galega no Congreso, Alexandra Fernández, anunciou este luns unha serie cuestións prioritarias para o diálogo e como "primeiro paso" para apoiar un goberno alternativo en Madrid. Serían: "a restitución dos dereitos sociais, o remate das privatizacións e dos recortes e a apertura dun debate que resolva a cuestión plurinacional", ademais dunha serie de medidas claves para o país. "Tendémoslle a man xa para o cambio necesario", repetiu.
En Marea pon como condición para un apoio "a restitución dos dereitos sociais, a fin das privatizacións e os recortes e a asunción da plurinacionalidade"
Así, En Marea aclara que "está en diálogo tamén como suxeito político que é" e reclama un plan de reindustrialización para Galicia, "solución aos problemas a sectores coma o lácteo ou os mariñeiros do cerco" e asegura que "urxe ademais falar dun novo sistema de financiamento local". "Galicia ten unha realidade socioeconómica concreta, determinada por factores coma o avellantamento e a dispersión da poboación, que se debe ter en conta á hora de establecer medidas redistributivas. O sistema de financiamento ten que garantir que os cidadáns teñan os mesmos servizos con independencia do lugar no que residan", dixo Alexandra Fernández.
En Marea reclama un plan de reindustrialización para Galicia, solución ao lácteo e ao cerco e un novo sistema de financiamento local
Ademais, a voceira de En Marea instou tamén a "dar resposta á plurinacionalidade" e aclarou esa medida explicando de que se trata de que o PSOE recoñeca esa "plurinacionalidade" do Estado para, a partir de aí, iniciar "un diálogo". "Sería unha irresponsabilidade non falar deste tema", insistiu tras advertir de que o propio rei se interesou por coñecer o "posicionamento" da coalición galega respecto deste tema na xuntanza que mantivo con ela na rolda de contactos cos portavoces parlamentarios.
"Débese procurar que a maioría social se vexa reflectida politicamente. O PSOE ten que dar mostra de que está á altura do momento histórico", engadiu Fernández, que advertiu de que "os únicos signos que dá o PSOE é que está cómodo no seo do bipartidismo". "Nós pedimos que sexa un pouco valente. As bases do PSOE votaron para que haxa un Goberno de cambio", continuou.
En canto á restitución de dereitos, En Marea aposta por situarse no "quilómetro cero da lexislatura de Rajoy" e propón cinco decisións urxentes: a derrogación da reforma laboral, a reforma da Lei do aborto, a supresión da Lei Mordaza e mais a LOMCE e a fin dos copagamentos. "Do mesmo xeito que lle transmitimos ao xefe de Estado na primeira das consultas, En Marea está disposta a promover un goberno de cambio que poña fin ás políticas de Rajoy. Polo de agora o PSOE non deu signos de cambio", dixo quen asegurou que a coalición quere "falar do futuro e saber se os socialistas van ser parte do problema ou parte da solución".
Ademais, En Marea tamén aposta por traballarar para "reverter os recortes e as privatizacións para recuperar o Estado de Benestar e loitar contra as crecentes desigualdades", así como para que se dote á Lei de Dependencia "dos recursos necesarios".
Por outra banda, Fernández volveu abrir a porta a que o BNG se integre en En Marea de cara ás vindeiras eleccións autonómicas pero lembrou que a formación nacionalista "non quixo" incluírse nas mareas municipais nin na confluencia de cara ás xerais.