O discurso co que o presidente da Xunta inaugurou o debate de política xeral levaba inseridas varias advertencias ou ameazas políticas. A práctica totalidade tiveron o soberanismo catalán como destino e, ligado con estes, ollou implicitamente cara á bancada de En Marea para lle censurar a súa "equidistancia" e "reclaman día si e día tamén solucións políticas". Esa apelación foi retrucada polo voceiro da formación, Luís Villares, no seu primeiro discurso no principal debate parlamentario ordinario do país, no que fronte á "frivolidade" presidencial nos eidos territorial e social lanzou un chamado á colaboración das "forzas políticas distintas do PP".
"É vostede un frívolo; vir falar de golpismo é unha absoluta irresponsabilidade", reprochou Villares, quen instou o presidente a reparar en que consiste un verdadeiro golpe de Estado. "A última vez que houbo un en Galicia, as cunetas enchéronse de cadáveres", evocou. "En momentos graves os políticos responsables chaman á calma e os irresponsables coma vostede, incendian", reprochou, nun contexto no que lamenta que a resposta do líder do PPdeG ás "forzas políticas que pedimos diálogo para solucionar un problema político" sexa "mofarse". "Como demócrata non se me ocorre outra solución fóra do diálogo; ten vostede outra? Ou tal vez o traizoou o subconsciente?", cuestionou.
O voceiro de En Marea censura a "irresponsabilidade" de Feijóo, a "incendiar" falando de "golpismo"
Nun ton notablemente máis calmo que na súa intervención na sesión de investidura, Luís Villares situou a Feijóo como o condutor dun autobús imaxinario que, di, "deixou atrás" as persoas máis prexudicadas pola crise mentres se presentaba como "campión de todas as bonanzas" e fala recorrentemente de "separatismo", a "acusar co seu dedo autoritario cando llo poñen os asesores no papel". Pero o verdadeiro "separatista" é o presidente, afirma.
"Son tan ineptos que renuncian a recadar impostos, porque non saben investir"
"Separa os galegos da sanidade" e demais servizos públicos e el mesmo "é un presidente separado da realidade" que se limita a ofrecer "ocorrencias" en formas de rebaixas puntuais de impostos. Se os "cincuenta euros" que pode aforrar cada persoa con rebaixas como as anunciadas quedasen no "esforzo colectivo", poderían ir aos "servizos do que se beneficia todo o mndo". "É a solidariedade, é a xustiza social", pero "vostedes -reprocha- son tan ineptos que renuncian a recadar, porque non saben investir.
Cómpre preguntarse ao cabo, afirma Villares, "de que lles valeu" que o PPdeG lograse a súa terceira maioría absoluta consecutiva e con este pano de fondo lanza o seu ofrecemento ao resto de forzas da esquerda para "de xeito horizontal e fraterno", acadar "un pacto de colaboración aberto entre iguais, en clave democrática, socail e de recoñecemento plurinacional do Estado", que sirva para "desaloxar" o PP no Estado e "abrir un proceso constituínte" no que se asegure o "recoñecemento do carácter nacional de Galicia" nun marco confederal. "As galegas e galegos non somos mansos nin súbditos" pero o o presidente, conclúe, si que o é.