Entre a renovación e a continuidade nas listas urbanas do PP

Reyes Leis e Agustín Hernández © Concello de Santiago

O PP de Compostela, A Coruña e Ferrol presentaron este sábado cadansúas listas para as eleccións municipais do 24 de maio. Nunha mestura de renovación e continuidade, Agustín Hernández, Carlos Negreira e José Manuel Rey Varela afrontan os comicios coa intención de renovar o seu mandato á fronte da alcaldía nunhas cidades onde as maiorías absolutas que agora ostenta a formación parecen moito máis complicadas de repetir que hai catro anos. 

Agustín Hernández mantén na súa lista os edís que o acompañaron pero deixa fóra os ste absoltos logo de ser inhabilitados

O candidato e alcalde compostelán, Agustín Hernández, mantén os edís que incorporou á súa chegada ao executivo local pero deixa fóra os sete que foron absoltos logo de ser inhabilitados por un delito de prevaricación, así como a Reyes Leis e a Ramón Quiroga. Afasta os afectados por unha sentenza que o lanzaron á alcaldía. Así, mantén nos postos de saída a seis dos concelleiros que se incorporaron xunto a el á vida municipal, pero a partir do número tres da lista, xa que o dous vai destinado a Pepa Castro, actual secretaria xeral do Valedor do Pobo. 

O actual rexedor aclara que cre  na "honorabilidade" dos sete concelleiros absoltos tras ser condenados a nove anos de inhabilitación tras aclarar que xa dixo que "non ía aceptar ningún tipo de condicionante respecto do equipo" que o vai acompañar e que esta nova candidatura "fala de futuro". Así, no primeiro tramo da lista mantéñense Alejandro Sánchez Brunete, María Antón, Teresa Gutiérrez, María Corral, Manuel Martínez e Teresa Cancelo e incorpóranse Claudio Montiel, Pedro Rey, Luis Boo, Irene Garrido ou Aimara Gamallo.

Carlos Negreira sitúa de número 6 a ex apoderada da construtora máis beneficiada polo Concello o ano pasado

Na Coruña, pola súa banda, o popular Carlos Negreira presentou tamén a súa candidatura con catro caras novas entre os seis primeiros postos da lista. Son a farmacéutica Rosa Lendoiro, no 3; o economista Carlos Sánchez-Tembleque, no 4; a ex vicepresidenta de Jóvenes Emprearios, Lucía Canabal, no 5; e a enxeñeira Susana Lenguas, no 6. Caen Julio Flores, tras a súa imputación na operación Pokémon, ou a concelleira de Cultura, Ana Fernández, ademais de Juan de Dios Ruano, xa no Congreso, ou Carmen Hervada. 

Formacións como a Marea Atlántica xa destacaron o "escandaloso" dunha lista que, como lembra o seu candidato Xulio Ferreiro, é "moi significativa dos intereses que defende o PP". Así, a plataforma cidadá destaca que ata setembro do ano pasado Susana Lenguas foi "apoderada da Construtora Arias Hermanos, que foi a máis beneficiada polo investimento en obras do Concello o ano pasado, cando acadou 8,3 millóns de euros municipais, segundo datos da propia Asociación de Construtoras”. Ao tempo, destacan que peche a lista Beatriz Mato, conselleira de Traballo e "salpicada polo escándalo da operación Zeta"

Rey Varela deixa fóra da súa lista en Ferrol a catro concelleiros

En Ferrol, pola súa banda, o popular Rey Varela deixou fóra da súa lista a catro concelleiros. O número dous ocúpao o actual presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, seguido da actual voceira do goberno municipal, Martina Neiras, do concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia, e de Susana Martínez, concelleira de Festas. Fóra quedaron os edís Pablo Cal, Borja Carro, Manuel Reyes e José Polo. 

Tamén neste sábado, e nun concorrido acto en Celanova, medio milleiros de alcaldes, concelleirso e militantes do PP da provincia de Ourense proclamaron a Manuel Baltar como candidato á presidencia da Deputación. 

Presentación da candidatura de Carlos Negreira Dominio Público @carlosnegreira
Presentación da candidatura do PP de Ferrol Dominio Público @PP_Ferrol

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.