ERC aposta por unha lista unitaria con condicións para o 21-D e os non independentistas xa teñen candidatos

Mensaxe este sábado de Carles Puigdemont pedindo unidade Dominio Público Praza Pública

Dede Bruxelas, Puigdemont propuxo unha lista unitaria para que "todos os demócratas se unan por Catalunya, pola liberdade dos presos políticos e a República".

Fin de semana de debate no mundo independentista sobre unha lista conxunta ao 21-D. ERC decantouse, despois do seu consello nacional celebrado este sábado, por apoiar a idea dunha lista unitaria para as próximas eleccións, pero con condicións. Fontes republicanas indicaron que apoiarían unha lista unitaria se non supón repetir a coalición de JxSí e todos os partidos "van xuntos". Se non, apostan por concorrer por separado facendo unha "fronte común" e un traballo "coordinado".

A criterio de ERC, a nova lista tería que incluír á CUP e a "unha parte de Podem" e Catalunya en Comú, ademais dos partidos que xa integraban JxSí: ERC, o PDeCAT, Demòcrates -a escisión independentista de Unió- e MÉS -indepedendentistas que militaron no PSC-. Tamén este sábado, o president da Generalitat cesado, Carles Puigdemont, propuxo desde Bruxelas unha lista unitaria para que "todos os demócratas se unan por Catalunya, pola liberdade dos presos políticos e a República".

Catalunya en Comú propón a Xavier Domènech como o seu candidato

Porén, este domingo a portavoz de Catalunya en Comú, Elisenda Alamany, anunciou que o líder de En Comú Podem no Congreso, Xavier Domènech, é a proposta da súa formación para presidir a Generalitat nas eleccións do 21 de decembro. O nomeamento de Domènech deberá ser ratificado polas bases, pero suporía que todas as principais formacións políticas catalás, agás as independentistas, contan xa con candidato. Domènech sumaríase así a Inés Arrimadas por Ciutadans, Miquel Iceta polo PSC e Xavier García Albiol polo PP.

A CUP decidirá se concorre ás eleccións o próximo 12 de novembro

Pola súa banda, a CUP, cuxo consello político tamén se reuniu este sábado na localidade francesa de Perpiñán, decidirá o próximo 12 de novembro se concorre ás eleccións do 21 de decembro e, en caso de facelo, se a fórmula escollida é en solitario ou en coalición. A portavoz do secretariado nacional da formación, Núria Gibert, explicou que todas esas cuestións expuxéronse na reunión deste sábado e que a postura definitiva sairá da asemblea nacional. Gibert puxo en dúbida as "garantías" das eleccións do 21-D nun contexto que cualifica de "excepcionalidade", cunha "invasión e ocupación do espazo público", ao que suma "a detención de cargos electos" e certa "sucidade informativa".

Colau consultará á militancia a continuidade do seu pacto de goberno en Barcelona co PSC

Por outra banda, o partido liderado por Ada Colau, Barcelona en Comú, tamén consultará á militancia a continuidade do pacto de goberno co PSC no Concello da capital catalá. Segundo fixo público a formación nun comunicado, as 10.000 persoas que compoñen as bases están chamadas a votar a partir do mércores ata "finais da semana". "Barcelona en Comú, por responsabilidade e coherencia coa radicalidade democrática da organización, decidiu organizar a consulta coas activistas", afirmou Susanna Segovia, portavoz de Barcelona en Común.

Mensaxe este sábado de Carles Puigdemont pedindo unidade Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.