“Os que foron condeados a morte será porque o merecían”. O pasado 26 de xullo o alcalde de Baralla e deputado provincial, Manuel J. González Capón, xustificou con estas palabras a negativa dos concelleiros do Partido Popular a condenar os crimes e a violencia exercida pola ditadura franquista. Esixíao o PSdeG-PSOE nun pleno municipal no que os populares presentaran unha moción para a condena dos actos violentos de Resistencia Galega.
Os socialistas votaron a favor e manifestaron a súa posición de “condenar calquera tipo de acto violento, veña de quen veña, como non pode ser doutro xeito”. Acto seguido solicitaron que o PP fixese o mesmo e amosase a mesma "sensibilidade" para condenar outro tipo de actos violentos como as mortes durante a ditadura, o que provocou “unha contestación airada” do popular, segundo fontes socialistas. “Os que foron condeados a morte será porque o merecían”, espetou o alcalde, entre outras cousas.
Os socialistas solicitaron que o PP amosase a mesma "sensibilidade" para condenar outro tipo de actos violentos como as mortes durante a ditadura
O PSdeG de Baralla vén de decidir que tomará medidas ante as graves afirmacións “profundamente ferintes e inaceptables nunha sociedade democrática”. Para o PSdeG, as declaracións do alcalde son “totalmente despreciables” e “se non se produce unha desculpa, non farán máis que retratar a nula calidade democrática e o carácter ditatorial que acostuman a exhibir os gobernantes do PP nos concellos”.
Na campaña das últimas eleccións ao Parlamento galego Mariano Rajoy fixo unha parada en Baralla, onde mantivo un encontro co alcalde Manuel J. González Capón, que goberna o Concello dende 1987, na actualidade con 8 con concelleiros, por 2 do BNG e 1 do PSdeG-PSOE.