Este ano a igrexa de Ferrol non foi "del caudillo"

Igrexa castrense de San Francisco, en Ferrol Dominio Público Turismo de Galicia

Durante anos foi habitual que cada 20 de novembro se celebrasen en Galicia, cando menos, dúas misas na honra do ditador Francisco Franco e do fundador da Falange, José Antonio Primo de Rivera, ambos falecidos nese día do mes. Unha adoitaba celebrarse en Lugo e outra, en Ferrol. A cerimonia na igrexa conventual lucense das Agustinas -e a súa correspondente esquela na prensa local- desapareceu hai tempo, pero a de Ferrol aínda pervivía.

Á hora da convocatoria espallada pola Fundación Franco a porta da igrexa mantívoche pechada e a Armada asegurou que desmentía tal evento

Así, para as doce e media do mediodía 20N estaba convocada unha misa na honra de Franco no templo castrense de San Francisco. A Fundación Francisco Franco, que honra a memoria do ditador, chamara a orar en Ferrol del Caudillo por "el alma de Francisco Franco, José Antonio Primo de Rivera y todos los caídos por Dios y por España". Pero desta volta a igrexa ferrolá non foi "del caudillo" e o pequeno grupo de partidarios do ditador que acudiran á cita quedaron sen celebración.

Escudo franquista e busto do ditador no interior do Pazo de Meirás / Praza Pública

O templo de San Francisco é castrense, do Exército, polo que depende formalmente da Armada. Á hora da convocatoria espallada pola Fundación Franco a porta da igrexa mantívoche pechada e este departamento militar asegurou á edición local do xornal La Voz de Galicia que desmentía tal evento. Non ía haber misa por Franco. E os franquistas laiáronse por seren vítimas dunha limitación á "liberdade de expresión".

A cancelación do evento relixioso para honrar o militar golpista producíase despois de que o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, considerase "un insulto" á veciñanza semellante cita. "Nin respectamos nin compartimos" ningunha iniciativa promovida pola Fundación Franco, afirmou, agregando que "ninguén imaxinaría" que calquera recinto público poida acoller acto ningún "dunha fundación Hitler ou Mussolini". Tamén Esquerda Unida Ferrol anunciara que prevía pedir "as explicacións pertinentes" ao Ministerio de Defensa se a misa por Franco chegaba a celebrarse.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.