Expedientados dous edís coruñeses do PSdeG por defender a "transparencia urbanística"

Pleno municipal no Concello da Coruña © Concello da Coruña

Estoupou no pleno municipal de xaneiro, pero a división na agrupación do PSdeG na capital coruñesa vén de atrás. A perda da condición de forza máis votada e do goberno municipal, tras a maioría absoluta acadada polo PP nas eleccións municipais de 2011, obrigou o partido a promover unha renovación do seu grupo municipal que significou a entrada na cámara de Jesús Fernández e Gloria del Valle, os concelleiros agora expedientados. Foi precisamente Jesús Fernández quen encabezou, hai só uns meses, a candidatura alternativa –na cal tamén participaba Del Valle– que lle disputou a secretaría xeral a Mar Barcón, actual voceira municipal quen finalmente saiu electa por unha ducia de votos de diferenza.

Os dous concelleiros expedientados defenderon o voto favorable do PSdeG á moción presentada polo BNG na que se pedía a investigación de posibles irregularidades na urbanización de Someso

Os dous concelleiros expedientados defenderon o voto favorable do PSdeG á moción presentada polo BNG na que se pedía a investigación de posibles irregularidades na urbanización de Someso, un caso que ten a súa orixe hai case un cuarto de século, cando o Concello da Coruña expropiou uns solares para a futura construción dun campo de fútbol para o equipo da popular zona de Elviña, o Relámpago. Finalmente, onde debería haber unha instalación deportiva acabouse por levantar un centro comercial ademais de vivendas, no que moitos viron como un claro pelotazo urbanístico.

Os edís rebeldes apostaban pola posta á disposición da Xustiza de todos os datos que constan no Concello e –chegado o caso– a depuración de responsabilidades políticas, ademais das xudiciais. Finalmente, o grupo municipal socialista decidiu absterse, de xeito que a moción foi rexeitada cos votos en contra do PP. Mais os dous concelleiros agora expedientados decidiron ausentarse da votación, para mostrar o seu rexeitamento á decisión do partido, sen porén quebrar a disciplina de voto do grupo.

Contactados por Praza, nin Jesús Fernández nin Gloria del Valle confirman ou desmenten a apertura do expediente disciplinario e remítense á agrupación local coruñesa, que tampouco quixo entrar en detalles, se ben transcendeu á prensa local coruñesa que o proceso interno está en marcha. No entorno dos edís sublíñase que ambos están dispostos a insistir na súa postura en defensa da rendición de contas dos cargos públicos e da renovación dun partido que consideran copado por "profesionais da política" e lastrado pola herdanza dos tempos de Francisco Vázquez como alcalde. Precisamente a figura de Vázquez e a posición de revisión crítica ou de defensa a ultranza da súa xestión é un dos elementos de división no PSdeG coruñés.

O desenlace do expediente dependerá da súa tramitación interna nos organismos do PSOE a nivel provincial, nacional e finalmente federal, e podería concluír coa expulsión dos dous concelleiros e a petición de entrega das actas que hoxe ocupan no pleno coruñés.

Pleno municipal no Concello da Coruña © Concello da Coruña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.