Feijoo adía a xullo a confirmación dos contratos de Pémex

Alberto Núñez Feijoo © Radio Galega

Nunha entrevista na Radio Galega, o presidente da Xunta volveu prometer que os contratos de Pémez suporán un investimento de 500 millóns de euros e a creación de 3.000 empregos directos en Galicia, pero adiou de novo a confirmación deses acordos e dos detalles da súa concreción. Núñez Feijoo afirmou que na primeira semana do mes que vén se celebrarán varias xuntanzas para definir os prezos e os contratos para a construción de remolcadores e barcos químicos. Feijóo sinalou que os dous días de xuntanzas servirán para para fixar as condicións dos acordos entre os estaleiros mexicanos e galegos para facer “outros sete remolcadores e seguir traballando na estratexia e no acordo estratéxico” con Pemex.

Foi a tónica xeral da entrevista, na que o presidente da Xunta se resistiu a concretar as cuestións sobre as que foi preguntado e fixo, sobre todo, declaracións de intencións

Esta foi a tónica xeral da entrevista, na que o presidente da Xunta se resistiu a concretar as cuestións sobre as que foi preguntado e fixo, sobre todo, declaracións de intencións. Por exemplo, sobre a oferta que Pemex vai prantexar a Navantia para construír dous barcos quimiqueiros a través da Armada mexicana, o presidende limitouse a sinalar que “Navantia ten unha enorme posibilidade de facerse con ese contrato”. “O difícil sempre é ter pedidos, o fácil é concretalos. O primeiro, témolo superado, haberá unha solicitude formal vinculante para facer dous barcos quimiqueiros nos estaleiros públicos de Navantia”, asegurou Feijóo, para puntualizar que, con todo “hai que concretar a letra pequena, algo tan elemental como o prezo”. 

Núñez Feijoo tampouco confirmou nada novo sobre a posibilidade de que Pemex instale a súa base loxística no porto exterior da Coruña, e simplemente se manifestou “absolutamente optimista” con que esta decisión se concrete “antes do outono deste ano

Núñez Feijoo tampouco confirmou nada novo sobre a posibilidade de que Pemex instale a súa base loxística no porto exterior da Coruña, e simplemente se manifestou “absolutamente optimista” con que esta decisión se concrete “antes do outono deste ano”. “Temos un acordo estratéxico con Pemex e, por suposto, temos que ser prudentes. Hai acordos confidenciais, conversas iniciadas, e eu creo que o que temos que facer é seguir traballando, concretar, contratar, construír e, unha vez anunciados os acordos iniciais, ser prudentes para que ninguén imposibilite a súa consecución”, remarcou.

 

O futuro das caixas e as preferentes

"Setembro pode ser o mes ou pode ser antes, imos velo en función das cuestións que plantexo", dixo

En canto á situación de Novagalicia Banco, Núñez Feijoo foi algo máis claro, e prometeu que antes de setembro se creará no Parlamento unha comisión de investigación sobre as caixas. Con todo, sinalou que a prioridade é a capitalización do banco e afirmou que “nun período de seis semanas” pode haber xa “unha aproximación moi definitiva á capitalización”, e engadiu que “en canto teñamos a concreción da capitalización, en canto o debate non siga danando a marca Novagalicia Banco e a entidade financeira que nace como consecuencia da fusión das caixas teña unha folla de ruta, a comisión de investigación celebrarase no Parlamento galego”.

En canto á estafa das preferentes, o presidente da Xunta afirmou que "somos o único aliado que teñen estas familias"

"Setembro pode ser o mes ou pode ser antes, imos velo en función das cuestións que plantexo", dixo. Núñez Feijoo sorprendeu ao afirmar que “Galicia ten dereito a saber por qué unhas caixas que estaban fortes ao final acreditaron que tiñan uns balances descadrados e uns activos mal valorados que deron lugar a un enorme problema de crédito na comunidade autónoma; e como Galicia ten dereito, Galicia exercerá ese dereito a través do Parlamento”.

En canto á estafa das preferentes, o presidente da Xunta afirmou que "somos o único aliado que teñen estas familias" e dixo que “nós imos seguir traballando, non temos ningunha dúbida, somos aliados desas familias e aliados dos seus problemas”.

Alberto Núñez Feijoo © Radio Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.