A comezos de 2011 Galicia roldaba as 250.000 inscricións nas oficinas de emprego e a Enquisa de Poboación Activa reflectía unhas 225.000 persoas en desemprego. A economía galega destruía emprego a un ritmo dun 2% anual e os niveis de ocupación eran os máis baixos dende o inicio da crise. Neste contexto o daquela voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, instou o presidente da Xunta a "dicir claramente que vai facer" para atallar o que, sinalaba, era xa "o primeiro problema que ten o país". Alberto Núñez Feijóo retrucou debuxando unha "herdanza de débeda e paro" e asegurar que estaba a "traballar" para loitar contra o desemprego malia non ter apenas competencias para facelo. Cinco anos e dúas eleccións despois Feijóo vén de anunciar, no seu terceiro discurso de investidura, unha lei de emprego para desenvolver as competencias que daquela asegurou non ter.
Naquel tenso debate o líder conservador censuraba que a oposición "fixese folgas xerais" no canto de "falar de propostas" para reducir o desemprego. "Iso non no entenden os parados", pero "nós seguimos" nese labor, afirmou. "Seguimos a pesar das poucas competencias en materia de emprego, por non dicir practicamente ningunha" coas que conta a Xunta de Galicia, asegurou entre un forte balbordo das bancadas socialistas e nacionalistas. O roteiro, afondou, pasaba por unha serie de "accións personalizadas para 56.000 parados galegos" pactadas no marco do "diálogo social" con UGT e Comisións Obreiras.
Feijóo, en 2011: "Seguimos a pesar das poucas competencias en materia de emprego, por non dicir practicamente ningunha"
O desemprego seguiu subindo despois daquel debate durante uns dous anos, no que atinxe aos rexistros nas Oficinas de Emprego, e ata a primavera de 2014 en termos EPA. Ambos indicadores amosaron, cun ano de diferenza entre, si, un mercado laboral con case 300.000 persoas sen emprego mentres continuaba a destrución de postos de traballo. A tendencia nestes indicadores de paro e emprego comezou a reverter hai dous anos sen que, polo momento, a economía de Galicia dese superado o limiar do millón de postos de traballo.
A proposta da investidura
O líder popular asegurou no seu discurso de investidura que medidas como a súa lei poderán lograr ata 100.000 postos de traballo
É neste contexto no que Feijóo "traza" o "camiño" das súas políticas para, di, impulsar dende a Xunta "un emprego en maior cantidade, como xa está ocorrendo, pero tamén coa calidade suficiente". Eses, afirma, serán os obxectivos da que eleva á categoría dunha "das principais leis" da lexislatura: "unha nova lei de emprego de Galicia que dote á nosa terra dun contexto normativo para lograr tres obxectivos", a comezar por "que se creen entre 80.000 e 100.000 postos de traballo" e que a taxa de desemprego baixe do 10% -o dato máis recente é do 16,3%-.
Esa lei, di Feijóo, priorizará "con máis intensidade a colectivos especialmente afectados, como os mozos, mulleres e parados de longa duración". E implicará tamén "incrementar as actuacións encamiñadas a reducir a temporalidade e precariedade laboral, incrementando o nivel de contratos indefinidos, por máis que hoxe xa son dous de cada tres".
Que competencias ten?
Entre a ausencia de competencias manifestada por Feijóo en 2011 e a lei anunciada para xestionalas media o ámbito competencial que o Goberno galego ten en materia laboral. Se ben é certo que a Constitución Española establece, no seu artigo 149, que o Goberno de España ten competencia exclusiva en materia de lexislación laboral e Seguridade Social, non o é menos que o Estatuto de Autonomía lle atribúe á Xunta a "execución" desas acción. E, sobre todo, dende 1998 o Goberno galego ten transferidas as políticas activas de emprego, isto é, as accións de promoción do mercado laboral que exercía o antigo INEM, e que agora son realizadas dende o Servizo Público de Emprego de Galicia por vías como a formación ou accións de inserción, entre outras.
O orzamento da Xunta para políticas activas de emprego, transferidas polo Estado en 1998, reduciuse nun 50% dende 2009
Estas competencias xa estaban, polo tanto, en mans da Xunta cando Feijóo asegurou non dispoñer delas. E tamén, evidentemente, cando o programa orzamentario que as financia, Promoción de Emprego e Institucións do Mercado de Traballo, comezou a sufrir sucesivos recortes nos Orzamentos Xerais da Xunta. Cando o PP retornou ao poder, no ano 2009, esta partida orzamentaria contaba con algo máis de 420 millóns de euros e ao remate da primeira lexislatura de Feijóo, en 2012, caera ata os 339 milllóns. Nos dous anos seguintes os recortes continuaron ata descender, en 2014, aos 182 millóns de euros. Malia ás leves subas dos dous últimos anos -foi do 8,7% nas contas vixentes- o recorte acumulado a respecto de 2009 é superior ao 50%.
Esta perda de fondos nas políticas activas de emprego foi reiteradamente negada por quen xestionou o departamento laboral da Xunta, a conselleira Beatriz Mato -titular de Traballo ata o outono de 2015, cando pasou a Medio Ambiente- mentres as políticas activas de emprego foron recortadas. Así, por exemplo, na presentación dos orzamentos de 2013 Mato asegurou que os recortes que a oposición lle reprochaba non só non eran certos, senón que "as políticas activas de emprego teñen un incremento do 4%. O resto de grupos "poden dicir o que queiran", afirmou.