Feijóo cambia a Zapatero por Andalucía

Feijóo conversa con Rueda nun intre do pleno © Ana Varela

Un déjà vu con lixeiras variacións nos seus personaxes principais. Alberto Núñez Feijóo sometíase este mércores á primeira sesion de control parlamentario tras a súa reelección como presidente da Xunta e dúas das tres preguntas tiñan un argumento semellante ao de moitas das que tivo que responder a pasada lexislatura: o desemprego. Procedían dun vello coñecido para o xefe do Goberno nos tirapuxas parlamentarios, o socialista Pachi Vázquez, e dunha acabada de chegar, a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz. Con estas condicións de partida o líder popular optou por construír a súa composición no Pazo do Hórreo cunha música moi semellante á interpretada entre 2009 e 2012 pero con certas mudanzas na súa letra: onde antes se repetía "Zapatero" agora figura "Andalucía".

A elección da comunidade andaluza non é casual. Dada a mingua no número de gobernos autonómicos controlados unicamente polo PSOE cos que establecer comparacións Feijóo aférrase ao feito de que Izquierda Unida cogoberna cos socialistas andaluces para rebater as peticións de explicacións de Alternativa sobre as "300.000 persoas inscritas buscando traballo", un "rexistro brutal" ante o cal, reprocha Díaz, "o único que se lle ocorre" ao presidente "é dicir que non ten competencias", isto é, "que é incompetente". "Que medidas ten previsto adoptar para sacar do desemprego a esas persoas?", cuestionou.

Feijóo aférrase ao feito de que Izquierda Unida goberna cos socialistas andaluces

Ante a pregunta, comparacións. Feijóo "comparte a preocupación" de Díaz, pero tamén lle gustaría "compartir algunha proposta de actuación". "Sodes vós o goberno, non nós", clamaba Xosé Manuel Beieras dende o seu escano mentres Feijóo convidaba á tamén líder de EU a comparar os datos de paro de Galicia cos "da súa nación". "En España" a Enquisa de Poboación Activa reflicte un 25% de paro "e en Galicia, un 20,1%", xustifica. En todo caso, o xefe do Executivo invirte a lóxica da sesión para ser el quen lanza preguntas: "Cal é o seu modelo?", cuestiona, nun contexto no que, di, "todo o que vostede di sería moito máis coherente se non gobernasen na comunidade autonoma do 35% de paro, se en Andalucía fosen quen de chegar a fin de mes". Mentres, "apoien vostedes algunha iniciativa de emprego que hai en Galicia" como "a mina de Cabana de Bergantiños", isto é, a mina de Corcoesto.

Pachi Vázquez e Yolanda Díaz urxen medidas concretas contra o desemprego

Comparacións e preguntas foi o que recibira tamén previamente Pachi Vázquez, quen tamén reclamou medidas ante unha "herdanza recibida" que "é a de vostede mesmo". "Hérdase a si mesmo e está batendo todos os récords" de paro. "Pide propostas e doullas: invista en políticas de emprego, suba o investimento en I+D, vaia a unha nova fiscalidade, faga como en Catalunya e aplíquelle un imposto á banca", reclamou. "Parece que lle gusta moito o modelo catalán", contesta Feijóo, para quen Catalunya é sinónimo de "pedirlle 5.000 millóns de euros ao Estado para chegar a fin de mes". "Parece que lle gustan outros modelos, refírese ao 35% de desemprego?". De onde? "De Andalucía".

Feijóo conversa con Rueda nun intre do pleno © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.