Feijóo celebra entre protestas o cuarto aniversario da súa chegada á Xunta

Feijóo, con Barreiro nunha imaxe de arquivo © PPdeG

"Salvemos o Hospital da Costa" e "que nos devolvan os aforros de toda unha vida". Foron as dúas pancartas que este sábado recibiron a Alberto Núñez Feijóo e ao resto da cúpula do PPdeG ante a Casa de Cultura de Burela, onde os conservadores celebraban o seu congreso provincial de Lugo. Blindados por un nutrido despregamento de efectivos antidisturbios, os populares mesmo tiveron que esquivar algún ovo axudándose de paraugas nos accesos do edificio onde José Manuel Barreiro, único candidato do cónclave, foi aclamado como presidente do partido na provincia co 96,4% dos votos na xornada do cuarto aniversario do regreso do PP á Xunta.

Catro anos despois das eleccións que colleron co pé cambiado tanto a quen gañou como a quen perdeu e transcorridos catro meses dende a súa segunda vitoria os desprazamentos de Feijóo polo país son, nas últimas datas, calquera cousa menos prácidos. Unha blindaxe policial semellante á despregada na localidade mariñá foi a que atoparon vinte e catro horas antes os manifestantes que, portando sobres, protestaron contra a corrupción e os recortes ante a casa do Concello de Vilagarcía, onde acudira o xefe do Executivo para conmemorar o centenario do municipio. Se cadra, son esas protestas as que levaron a Feijóo a, dende a tribuna do congreso do PP lugués, cargar con dureza contra "outros partidos que se miran no espello dos antisistema, no de Bildu ou en distintos espellos en cada comunidade autónoma". O PP, pola súa banda, di, "só se mira en Galicia" e por iso "Galicia se recoñece en nós e nas nosas políticas".

Os antidisturbios blindaron o congreso do PP de Lugo ante as mobilizacións a prol da sanidade pública e dos afectados polas preferentes

Nun acto autolaudatorio no que o ex presidente Gerardo Fernández Albor non dubidou en resucitar as acusacións de "corrupción" contra Felipe González ou en acusar a José Luis Rodríguez Zapatero de "poñer os terroristas no poder", Feijóo amosouse convencido de que "catro anos despois do 1 de marzo de 2009 seguimos sendo o fiel reflexo da maioría" mentres "os partidos da oposición seguen tentando atopar as súas ideas e os seus líderes". Neste contexto, os recortes contra os que protestaba a veciñanza no exterior son, para o líder conservador, "esforzos e sacrificos que pagan a pena" porque "Galicia e España volverán estar onde merecen os cidadáns, cústelle o que lle custe a este partido". Tamén houbo, como adoita, mensaxe para os afectados polas preferentes que tamén berraban no exterior: eses produtos financeiros foron emitidos "sen control" durante os gobernos do PSOE, "que miraban para outro lado".

Desvinculación da corrupción e eloxios a Barreiro

Como ao longo destes catro anos, o acto deste sábado en Burela tamén lle serviu a Feijóo para marcar distancias cos casos de corrupción que lle afectan ao seu partido. Así, co escándalo arreciando o Concello de Santiago, por unha banda, e a sede central do PP a conta do caso Bárcenas, pola outra,  o presidente da Xunta asegura saber que "hai situacións que abochornan a calquera político honesto, pero o noso compormiso é Galicia e por Galicia temos que seguir ao seu carón". "Canto máis se deosta a política pola culpa daqueles que non son quen de estar á altura, máis temos que esforzarnos por facer política de verdade", instou, nun contexto no que hai que distinguir os políticos "que meten a man na caixa" dos "honestos".

Feijóo insta a distinguir os "honestos" dos que "meten a man na caixa"

A alocución presidencial serviu tamén, despois de censurar os procesos internos dos grupos da oposición, para eloxiar a quen competira con el pola presidencia do PP en 2006. Cómpre un recoñecemento para Barreiro, tamén voceiro do PP no Senado, porque "responde continuamente á chamada do PP" e por iso, di, "merece o respaldo que lle estamos dando e a confianza para seguir sendo presidente do PP de Lugo". Neste contexto, Feijóo obvia a competencia pasada para asegurar que "hai máis de seis anos decidimos traballar xuntos pola renovación do partido en Galicia para reeditar os éxitos políticso que o presidente fundador, Manuel Fraga, lograra nesta terra".

Feijóo, con Barreiro nunha imaxe de arquivo © PPdeG
Antidisturbios ante o recinto do congreso do PP en Burela CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.