Feijóo chama a tomar exemplo dos "avós" para "queixarse menos e traballar máis"

Feijóo, ante o mapa co percorrido da proba ciclista © Xoán Crespo

"Díaz Ferrán". O nome do polémico ex presidente da patronal española ecoou este sábado ao carón do do presidente da Xunta cando comezaron a espallarse por internet e os medios de comunicación as palabras pronunciadas por Alberto Núñez Feijóo na presentación da edicición da Vuelta Ciclista a España de 2013, que partirá de Vilanova de Arousa. Durante o seu discurso no acto organizado pola empresa Unipublic o líder conservador optou por glosar as bondades do esforzo e do sacrificio para saír da crise económica. E deu en animar os presentes e, por extensión, o conxunto da cidadanía, a tomar exemplo dos "nosos pais e avós" que, en tempos de "dificultades", "queixáronse menos e traballaron máis".

Pero esa máxima, que a moitos lle lembrou o controvertido "cobrar menos e traballar máis" de Díaz Ferrán, non foi a única reflexión que o presidente expuxo ante os deportistas, empresarios e políticos que ocupaban a sala. Tamén cre conveniente que a poboación teña como "referentes" a "coraxe, determinación e capacidade de superación" dos ciclistas, tamén a súa "capacidade de sacrificio". "Se todos soubésemos ter esa capacidade de superación estou convencido de que a España de 2013 sairá da crise, de todas as dificultades polas que estamos pasando", augurou, insistindo tamén en que "deben ser o referente de todos os días, de subir á bicicleta, de poñer o mono para traballar, de adestrar todos os días, de competir e de saír gañar".

Feijóo amósase convencido "de que os ciclistas traerán a mensaxe do apóstolo Santiago na Vuelta Ciclista de 2013"

Mentres, en Compostela, milleiros de persoas rexeitaban os despedimentos masivos en Novagalicia Banco, Feijóo debullaba as súas teses, paradoxalmente, no teatro propiedade da entidade na cidade viguesa. Dende alí o xefe do Goberno galego apelou tamén á quen xa é un convidado habitual da política galega nos últimos tempos: o apóstolo Santiago. Apenas dúas semanas despois de que a presidenta do Parlamento o "invocase" para pedirlle "solucións" para a crise, Feijóo amósase "convencido de que os ciclistas traerán a mensaxe do apóstolo Santiago na Vuelta Ciclista de 2013". Non en van, considera, a proba deportiva comeza "na terra do Camiño de Santiago".

Neste contexto, Feijóo tamén observa varias posibles metáforas na "decisión inédita" de que o percorrido da vindeira edición de La Vuelta vaia "partir dunha batea, no concello de Vilanova de Arousa". Este "xesto" é para o titular da Xunta "un recoñecemento á xente do mar, a unha forma de vivir e a unha forma de traballar e de producir". Neste punto cabe, na súa opinión, un paralelismo entre o traballo dos mariñeiros e o ciclismo, xa que "se fan coincidir as dificultades dos traballadores do mar coas dificultades deste nobre deporte que é o ciclismo". No marco do acto e nos comunicados oficiais remitidos ao respecto non se especificaron as cantidades económicas que implican para as arcas públicas galegas a saída da Vuelta, que comeza en Galicia pero sen equipo galego.

Feijóo, durante o seu discurso no acto de 'La Vuelta' © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.