Feijóo cifra en 21 millóns as axudas da Xunta polos incendios e di que as dos falecidos serán “inmediatas”

Feijóo, na súa comparecencia deste xoves Dominio Público Xunta de Galicia

O presidente salienta que en 2018 volverá incrementarse a partida contra o lume e di que “nunca foi un problema orzamentario”

O presidente Feijóo cuantificou este xoves, ao remate da reunión semanal do seu goberno, as axudas que a Xunta dedicará a paliar os efectos dos incendios, que cifrou nun total de 21 millóns de euros. Deles, 350.000 euros irán destinados a cubrir os danos persoais, a razón de 75.000 euros por cada un dos catro falecidos -e cantidades menores para outro tipo de feridas-, contía que segundo Feijóo a Xunta aboará “de forma inmediata” en canto os herdeiros a soliciten a partir do próximo luns.

Como comparación, tras a vaga de lumes de agosto do ano pasado na que arderon unhas 9.000 hectáreas en toda Galicia, a Xunta habilitou varias liñas de axudas por un importe total que cuantificou nuns 10 millóns de euros. Agora, tras arder 35.000 hectáreas nos últimos días, por un lado, o Goberno galego habilitará unha liña de axudas conxunta de todas as consellerías de 11 millóns de euros para os prexudicados de xeito directo polo lume. Por outro, cada consellería realizará actuacións nas súas áreas competenciais polo importe restante, que se reparte en 7 millóns de Medio Rural, 1,1 millóns de Medio Ambiente, un millón de Economía e Emprego e 700.000 euros de Infraestruturas.

“En canto empece o luns o prazo, o único que teñen que facer as familias é solicitalo é nós aboaremos a cantidade, con independencia de que haxa sentenza ou non”, di Feijóo

A Feijóo preguntóuselle pola redacción do decreto de axudas publicado esta semana no Diario Oficial de Galicia no que se condicionaban as mesmas a que os incendios fosen “intencionados”. O presidente dixo que esa redacción debeuse ao que definiu como unha “cláusula de estilo”, remitiuse á orde de axuda que desenvolverá ese decreto e que se publicará a próxima semana e indicou que para a Xunta os catro falecidos o foron en incendios “intencionados”, fose de xeito directo ou como consecuencia doutro lume previo intencionado.

Ao presidente preguntóuselle tamén se os afectados terán que agardar a que haxa unha sentencia ao respecto, pero negouno. “En canto empece o luns o prazo, o único que teñen que facer as familias é solicitalo é nós aboaremos a cantidade, con independencia de que haxa sentenza ou non”, dixo, “de forma inmediata”. O único matiz que introduciu o presidente foi o de que no caso dos falecidos os tempos dependerán do ritmo de xestión das herdanzas por parte dos seus herdeiros e non da Xunta.

Feijóo tamén salientou que os orzamentos para o ano próximo volverán elevar as partidas destinadas a prevención e extinción de incendios nuns 10 millóns de euros ata chegar a un total duns 180 millóns. A maioría deses cartos, como criticou o ano pasado o Consello de Contas, van destinados á loita contra o lume e non á ordenación dos montes, como prevía o Plan Forestal Galego. Feijóo salientou que esa partida podería incrementarse novamente se é necesario e asegurou que “o lume nunca foi un problema presupostario”.

Feijóo volveu criticar os concellos que rexeitaron a creación de brigadas municipais conveniadas coa Xunta

O presidente tamén volveu criticar os concellos que rexeitaron a creación de brigadas municipais conveniadas coa Xunta nas que o goberno galego achega o o 75% do seu importe fronte ao 25% que teñen que pór as arcas municipais. “Oxalá haxa máis concellos que acepten brigadas municipais”, dixo sobre o ano próximo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.