Feijóo defende o seu "sistema educativo libre, non ideoloxizado" como medida contra a emigración da mocidade

Feijóo na sesión de control deste mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Pontón acusa o presidente de “separatista” por “separar” familias coa falta de oportunidades en Galicia e Caballero aféalle que dixese que o AVE non ía chegar en 2021

Hai cinco días, o pasado venres, nun acto con Pablo Casado, o presidente Feijóo lamentou “unha España na que se fai política con todo, ata coa lingua” malia que a propia Xunta ten un departamento específico de Política Lingüística e as súas normas lingüística na educación prohiben, por exemplo, que se impartan matemáticas en galego. Este mércores, ao ser preguntado no Parlamento pola portavoz do BNG, Ana Pontón, polas súas políticas para evitar a emigración da mocidade galega, o propio Feijóo respondeu á “lideresa” nacionalista, como a cualificou en varias ocasións, situando nun lugar destacado o que definiu como un “sistema educativo libre, aberto, non ideoloxizado”.

Ana Pontón durante a sesión de control deste mércores © Parlamento de Galicia

Pontón di que Feijóo “preside un goberno separatista, porque separa fillos e fillas de pais e nais, mozos e mozas de amigos e amigas" ao non evitar a emigración da mocidade

A portavoz do BNG comezou a súa intervención na sesión de control á Xunta asegurando que Feijóo “preside un goberno separatista, porque separa fillos e fillas de pais e nais, netos e netas de avós e avoas, mozos e mozas de amigos e amigas”. “Temos 200.000 mozos e mozas que tiveron que emigrar pola falta de oportunidades e os seus fillos e fillas naceron en Berlín, Londres ou Barcelona”, dixo Pontón.

A resposta de Feijóo non foi negar a emigración senón asegurar que nos últimos anos “chegaron a Galicia máis persoas das que marcharon”, e xunto co crecemento económico o propio presidente puxo o foco na educación como unha mostra das oportunidades que a Xunta ofrece á mocidade. O sistema de educación trilingüe en castelán, galego e inglés, os libros electrónicos ou a oferta educativa foron postos polo presidente como exemplo dun “sistema educativo libre, aberto, non ideoloxizado”, idea na que incidiría aínda na súa última intervención. “A miña tarefa como presidente é non impoñer nada aos mozos do país, nin utopías nin doutrinas nacionalistas”, asegurou. 

Caballero lembrou que hai un ano Feijóo aseguraba que o AVE non chegaría en 2021 e o presidente teimou en negar a existencia da alta velocidade en Galicia máis alá de Ourense

Antes de Pontón a primeira intervención na sesión de control deste mércores foi a cargo do aínda portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, que aludiu a múltiples cuestións. Desde a falta de planificación da Xunta en todo tipo de eidos á ineficacia que tería a máscara obrigatoria en exteriores incluso en lugares illados como defende Feijóo ou as críticas do presidente aos atrasos do AVE.

O socialista lembrou que hai un ano Feijóo aseguraba que o AVE non chegaría a Galicia en 2021, como así vén de ocorrer, e o presidente respondeulle asegurando que aínda que a liña xa está en servizo ata Ourense non hai aínda trens AVE ao resto de cidades. Segundo o presidente, iso significa que “non temos trens de alta velocidade en 2021”, o que supón negar que os trens Alvia sexan de alta velocidade, como xa se constatou na investigación do accidente de Angrois.

Gonzalo Caballero na sesión de control deste mércores © Parlamento de Galicia

Feijóo afeou a Caballero que os socialistas presuman da chegada do AVE a Ourense como se fose “un acontecemento, como diría Leire Pajín, planetario”, lembrando a figura de quen foi ministra de Sanidade con Zapatero. Foi antes de chamar en varias ocasións “lideresa” a Ana Pontón. 

O presidente tamén criticou que os socialistas “todo o que fixeron foi executar as obras que estaban licitadas e executadas, o que hai que saber é se están pagadas”, deixando a dúbida da débeda pública que suporá para España o AVE galego. Feijóo obviou así que o groso dos traballos foron licitados polo anterior goberno do PSOE con José Blanco á fronte do Ministerio de Fomento e que os gobernos populares posteriores seguiron autorizando o endebedamento de Adif.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.