Feijóo defende os 300.000 euros a Enrique Iglesias para "chegar a máis tipos de público"

Feijóo, este xoves presidindo o Consello © Xoán Crespo

"Buscamos 600 millóns de persoas e  non de España, senón de todo o mundo". O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, saíu este xoves na defensa do pagamento de 302.500 euros de fondos públicos á discográfica Universal Music Spain para a produción do videoclip Noche y día, do cantante Enrique Iglesias. Mentres esta controvertida achega continúa a xerar polémica entre a oposición parlamentaria e no mundo da cultura e unha mestura de indignación e hilaridade nas redes sociais o xefe do Goberno galego xustifícaa por completo. Estes cartos, mantén, lograrán que Galicia chegue "a máis xente".

Ao ser preguntado ao respecto despois da reunión semanal do Consello da Xunta Feijóo dixo "supoñer" que "as promocións turísticas smepre buscan o mesmo, chegar a máis xente", "chegar a máis tipos de públicos" e, con esta finalidade, "buscar todas as canles posibles". A Axencia Turismo de Galicia busca "dar a coñecer o país" porque "Galicia é un destino único". Nesta "promoción", o pagamento do vídeo mediante un procedemento negociado sen publicidade, "saen todas as cidades e saen os lugar que, cremos, son moi importantes".

Nomeadamente, Feijóo asegura que na produción audiovisual poderán distinguirse "once lugares da Galicia interior, da Galicia da costa, lugares importantes". O investimento, explicoulle ao xornalista que o cuestionou, ten a súa orixe en que "o último vídeo da persoa á que vostede se refire", Enrique Iglesias, tivo "un número de baixadas, de visionados a través de YouTube, de 600 millóns de descargas". Dende o punto de vista do presidente "é difícil atopar un feito con esta acreditación dende o punto de vista da capacidade de dar a coñecer un destino" e isto "foi o que levou a Axencia de Turismo a aceptar e contratar este investimento.

"É difícil atopar un feito con esta acreditación dende o punto de vista de dar a coñecer un destino", xustifica o presidente

Sempre segundo a versión presidencial os 300.000 euros da polémica equivalen a "unha serie de anuncios de 20 segundos nunha canle de televisión nacional", os cales serían vistos por "5,6,7,8 millóns de persoas". Neste caso, di, o público obxectivo son "600 millóns". "Seguro -afirma- que estes foron os criterios da Axencia do Turismo".

Segundo a canle oficial de Enrique Iglesias en YouTube o seu último vídeo, o máis recente, acumula uns 19 millóns de reproducións -que non de persoas- e o máis popular, publicado hai 10 meses, supera os 700 millóns. O audio da canción cuxo vídeo subvenciona a Xunta, Noche y día, está tamén publicado no mesmo portal de vídeos e xa foi reproducido unhas 4 millóns de ocasións. As imaxes deses once lugares de Galicia amosaranse mentres o cantante alude a mulleres con "poca ropa, sudaíta", que moven "la cintura con indecencia" ou a unha vontade de "fusión internacional".

Feijóo, este xoves presidindo o Consello © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.