Feijóo desenténdese de Baltar pai e lémbralle ao fillo que o seu posto no PP será votado en breve

Feijóo, con Baltar no congreso do PP de Ourense, en 2010 © PPdeG

Os ritmos da xustiza e os avatares da política levaron este xoves a José Luis Baltar a converterse en involuntario protagonista da canción que tantas veces interpretou ao ritmo do seu trombón en mitins e paparotas diversas, esa que lle adxudicaba a quen non militase no PP a mesma condición que Andrea Fabra lles endosou ás persoas desempregadas. O que hai ben pouco podía semellar unha contradictio in terminis produciuse, o ex presidente da Deputación, antigo líder e patriarca provincial do partido xa non é formalmente do PP. Renunciou ao carné -ou fixeron que renunciase- "temporalmente" para "non danar a organización" como "consecuencia do procedemento xurisdiccional iniciado", isto é, pola querela presentada polo PSdeG e asumida pola fiscalía que implica a Baltar nun caso de presunta prevaricación por máis dun cento de supostos enchufes no ente provincial que dirixiu. E na dirección autonómica cundiu o entusiasmo, a comezar polo seu líder, Alberto Núñez Feijóo.

Vista a reacción amosada por Feijóo ao termo do Consello da Xunta deste xoves calquera persoa acabada de chegar a San Caetano ben podería concluír que os socialistas, coa súa querela, lle proporcionaron ao xefe do Goberno galego unha caste de agasallo de Nadal atrasado. A baixa de Baltar é "unha decisión necesaria, correcta e oportuna", que el "saúda" e "valora positivamente", porque así "o partido" non vai estar "sometido aos problemas xudiciais" do ourensán. Era "inevitable" que o proceso xudicial se "mesturase coa situación do partido actualmente", evidencia o presidente, a quen o fiscal e o xuíz semellan poñerlle en bandexa parte do que leva anos tentando: desentenderse de Baltar pai. "Desexámoslle toda a sorte posible neste proceso aberto para clarificar as súas actuacións".

Feijóo ve "necesaria, correcta e oportuna" a baixa de Baltar, a quen di desexarlle "toda a sorte posible"

Pero, José Luis Baltar afástase voluntariamente ou amosáronlle a porta de saída? A versión oficial é que a baixa "é unha solicitude do señor Baltar, asinada por el", di Feijóo. Minutos antes, o propio presidente da Xunta tentara deixar "claro" o "que fai o PP" neste caso: "pídese a suspensión de militancia do antigo presidente do PP en Ourense a pesar de que non ostente ningún cargo público". "Se dixen iso non estiven acertado", tentou emendar pouco despois, xusto antes de admitir que "a decisión", voluntaria ou forzosa, é "resultado da valoración e das conversa" mantida entre el mesmo e Manuel Baltar, herdeiro do posto do seu pai na Deputación, pero tamén no partido.

E para este Baltar tamén hai recado presidencial. A Feijóo preguntóuselle pola súa opinión acerca da influencia que as supostas contratacións masivas da Deputación puideron ter no resultado do congreso no que o fillo relevou ao pai na presidencia do PP ourensán. Esa "posible relación, que na miña opinión non cabe", non ten "demasiada transcendencia práctica", asegura. "Unha cuestión é un procedemento administrativo e outro, un procedemento orgánico dunha organización política", evidencia. En todo caso, advirte, "neste primeiro cuadrimestre do ano vanse producir congresos provinciais do PP e vanse elixir os presidentes provinciais; polo tanto, nese congreso provincial a militancia decidirá cal vai ser o presidente do partido para os próximos catro anos". Resta saber, neste punto, se a dirección que encabezan o propio Feijóo e Alfonso Rueda artellarán, como hai tres anos, unha operación para desbancar o baltarismo. Polo momento, o que daquela foi o seu candidato, Juan Manuel Jiménez Morán, di non querer "nin acordarse do día do congreso que ganou Baltar".

"Unha batalla entre os que antes se apoiaban para pedir votos"

Pachi Vázquez: "O exemplar sería que non fixese todo o que fixo"

Mentres isto sucede no PP o resto de formacións políticas observan e poñen o acento en que, ao seu xuízo, o dos Baltar non é un caso illado no PP nin alleo a Feijóo. Para o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, a suspensión de militancia é un capítulo máis da "batalla que se abriu no PP entre os que antes se apoiaban para pedir os votos", isto é, entre "Rueda e Baltar". Sexa como for, para o líder socialista este movemento non ten nada de "exemplar". O exemplar, di, sería que o ex presidente da Deputación ourensá "non fixese todo o que fixo", unhas actaucións nas que os contratos que agora investiga a xustiza son "unha pequena parte" dun "iceberg" de "prácticas clientelares masivas", afirma.

Nun sentido semellante, dende o BNG a parlamentaria Carme Adán non dubida de que a dirección popular tenta "facer recar sobre unha persoa o que é un problema de todo" o partido e, en xeral, dun "funcionamento caciquil nas deputacións". Para a nacionalista o "responsable" das eventuais contratacións fraudulentas é o PP no seu conxunto, xa que "aceptou unha determinada situación, compartiuna e aplaudiuna" mentres o Bloque a "denunciaba" en "reiteradas ocasiósn". "Facer recaer a culpa nunha parte cando afecta ao todo é desviar a atención", conclúe.

Feijóo, tras o Consello da Xunta deste xoves © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.