Feijóo e Millán Mon esfórzanse en denigrar o resto de candidaturas galegas á Eurocámara

Feijóo, no acto do PP sobre as europeas © PPdeG

Nos tempos da coalición de PSdeG e BNG en Galicia estendeuse nos medios políticos e xornalísticos galegos o alcume de "contraconsello" aplicado á xuntanza semanal da cúpula do PPdeG, que os de Alberto Núñez Feijóo celebraban os xoves, de xeito case simultáneo ao Consello da Xunta, para contrapoñer as súas mensaxes políticas ás do Goberno. Salvando as distancias, algo semellante aconteceu este martes en Compostela. O agora titular da Xunta puxo o traxe político de presidente do partido para encabezar a sesión do Comité Executivo que "activou o traballo na comunidade ata as eleccións" europeas do 25 de maio. Como noutrora, o discurso de Feijóo marcou a doutrina política dos populares e, ao xeito das últimas semanas, esta mensaxe centrouse en denigrar o resto de candidatos galegos ás europeas.

Despois da presentación en sociedade de Miguel Arias Cañete como candidato do PP da man de Mariano Rajoy Feijóo reproduciu o acto a pequena escala con Francisco Millán Mon e Carmen Pardo, referentes do partido en Galicia nunha lista na que só Millán concorre en postos de saída. Dende a tribuna partidaria Feijóo convida a cidadanía a "preguntarse quen poderá defender mellor os seus intereses" en Bruxelas e Estrasburgo para, acto seguido, "imaxinar como se quedaría un parlamentario europeo" cando "saiba" que José Blanco (PSdeG) formou parte do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, "cando vexa que os que se erixen en representantes de Galicia comparten escano con Bildu" ou cando "oíse un antisistema galego defender a supresión de todo tratado de funcionamento da Unión Europea", agregou, en referencia ao BNG e a AGE.

Feijóo cualifica de "irrelevantes" as demais forzas e Millán Mon reduce a súa actividade a "ruído"

O PP, asegura, non busca un "retiro dourado" para os seus representantes na Eurocámara, senón que envía alí persoas ao xeito de Cañete, "que non vai precisar ningún guía no seu primeiro día en Europa que lle ensine quen é quen". O mesmo pasa no caso de Millán Mon, asegura, que dada a súa experiencia diplomática e no propio lexislativo comunitario "non vai ir aprender ao Parlamento Europeo". Na mesma liña Millán Mon -de quen a nota oficial do PP non difundiu declaración ningunha- afondou nas teses do seu xefe de filas sentenciando que "hai que votarlles aos grandes partidos" e non ás organizacións que "nin pintan nin pintarán nada". Todo o que non sexan estas grandes formacións é "ruído", asegurou, en referencia velada á actividade desenvolvida pola nacionalista Ana Miranda.

A actividade dos deputados galegos

Os eloxios ao traballo desenvolvido polos representantes do PP galego na Eurocámara na lexislatura que agora remata, o propio Millán Mon e Carmen Fraga, que non recunca nas listas por decisión propia, contrastan cos seus datos de actividade parlamentaria, notablemente máis discretos que os de quenforon os outros dous eurodeputados galegos, a devandita Ana Miranda, do BNG, e o socialista Antolín Sánchez Presedo. Unha ollada ás bases de datos da Eurocámara permite concluír que Miranda e Presedo foron moito máis activos que os seus homólogos do PP.

Miranda (BNG), que tivo escano un ano e medio, foi a eurodeputada galega máis activa na lexislatura que remata

En cifras absolutas Sánchez Presedo foi quen despregou un maior número de actividades parlamentarias, con 110 intervencións en pleno, 1 informe, 3 opinións, 20 propostas de resolución, 146 preguntas parlamentarias e unha declaración. En total, 288. Só catro actividades menos foron as desenvolvidas por Ana Miranda, quen chegou ás 284 no período en que dispuxo escano de seu, entre xaneiro de 2012 e xullo de 2013. En apenas ano e medio realizou 113 intervencións en pleno, 1 informe, 3 opinións, 20 propostas de resolución, 146 presguntas e 1 declaración. A esta actividade, que a converte na máis activa tendo en conta o seu tempo de mandato, habería que engadirlle, ademais, a desenvolvida a través de Oriol Junqueras (ERC) e de Iñaki Irazabalbeitia (Aralar), que canalizaron as iniciativas do Bloque no resto da lexislatura.

Nunha banda sensiblemente máis baixa están as actividades de Millán Mon en Carmen Fraga, con 150 e 80, respectivamente, ao longo destes cinco anos. Quen é considerado home forte de Rajoy en Europa protagonizou 77 intervencións en pleno, un informe, 34 propostas de resolución e 38 preguntas. Mentres, a filla de quen fora presidente da Xunta formulou 32 intervencións, 19 informes, 3 opinións, 6 propostas de resolución e 20 preguntas parlamentarias.

Blanco, este martes en Mazaricos CC-BY-NC-SA PSdeG
Miranda, este martes en Lugo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.