Feijóo erixe Galicia en referente do "autonomismo sosegado"

Feijóo, con Rajoy no hotel Ritz de Madrid © Goberno de España

Non vai ser doado ver xuntos a Alberto Núñez Feijóo e a Mariano Rajoy en Galicia durante a campaña que comeza o vindeiro venres. Os conservadores galegos deseñaron unha estratexia de campaña na que as intervencións do presidente do Goberno central son fabas contadas, máis aínda as súas coincidencias no mesmo espazo co candidato á reelección. Así e todo, isto non impide que ambos líderes conservadores si cadren en público nalgunha ocasión e mesmo que Feijóo sexa obxecto de gabanza por parte de Rajoy. Isto é o que aconteceu este luns, aínda que non en Galicia, senón nos salóns do hotel Ritz de Madrid, onde o actual titular da Xunta protagonizou un almorzo informativo, oficialmente na súa calidade de xefe do Executivo autonómico aínda que cun fondo contido electoral. Rajoy fixo as veces de mestre de cerimonias dunha conferencia na que Feijóo volveu redefinir o papel de Galicia no Estado, desta volta como referente do "autonomismo sosegado".

Nun contexto no que a presenza dun mandatario autonómico nun foro madrileño pasa, case inescusablemente, por desembocar nunha mirada a Catalunya, Feijóo esforzous especialmente en distinguir a galegos e cataláns. Segundo informa a Xunta, Feijóo "explicou que o Goberno dunha soa comunidade non pode decidir o destino de todas as restantes, porque iso sería tanto como crear un novo centralismo", nunha conxuntura na que, na súa opinión, as propostas sobre reformas territoriais do Estado non son máis ca "ocorrencias" para "aplacar problemas internos dalgúns partidos". Neste sentido, asegura, Galicia achegará "ás complexas disxuntivas da España actual o que o presidente Fernández Albor chamou sentidiño".

Feijóo afirma que un dos "principios identitarios" da cidadanía galega é "non gaste máis do que ten"

Ese "sentidiño", explicou Feijóo ao seu auditorio en Madrid, pasa por que Galicia sexa "un modelo para os que buscan" o devandito "autonomismo sosegado". "Temos identidade, pero non temos un problema de identidade" xa que, afirma, non existen "contradicións" entre ser "galego" e "español" e "europeo". Galicia "puido converterse nunha terra rota por querelas identitarias" pero, sempre segundo a súa opinión, isto non aconteceu, igual que o país nons e afastou "do proxecto común español" grazas "a uns dirixentes capaces" como Albor. E, ademais, afirma, un dos "principios identitarios" da cidadanía galega pasa por aplicar o principio de "non gaste máis do que ten e pague as súas débedas", especialmente indicado, coida, para a actual conxuntura.

Advertencias ante a "alternativa" dun goberno de esquerdas

"Imaxinen que lle imos dar a Dirección Xeral de Comercio a unha persoa das mesmas siglas que Gordillo, hai que ter coidado"

Á marxe das cuestións vinculadas á concepción do Estado autonómico, nin Feijóo nin Rajoy evitaron meterse en area electoral malia participaren no acto como presidentes dos gobernos galego e español. Así, durante a quenda de preguntas, o líder do PPdeG fixo especial fincapé en considerar "unha falacia" promesas lanzadas polo PSdeG, como suspender o copagamento de medicamentos ás persoas que reciben pensións de xubilación. Do mesmo xeito, e botando man dun certo ton burlesco, lanzou unha alerta sobre as consecuencias que, dende o seu punto de vista, podería ter que o vindeiro Goberno dependese parcialmente de Alternativa Galega de Esquerda: "Imaxinen que lle imos dar a Dirección Xeral de Comercio a unha persoa das mesmas siglas que [José Manuel Sánchez] Gordillo; hai que ter coidado", alertou.

Neste mesmo sentido, e entre eloxios dirixidos a Feijóo por "dar a talla" en "momentos difíciles" tras "recibir a peor das herdanzas", Rajoy amosouse convencido de que "os galegos non merecen" a "alternativa" que suporía unha Xunta de esquerdas encabezadas por PsdeG e BNG. "Eu non quero a alternativa que non hai, que é a da confusión, a que vivimo s entre 2005 e 2009, e sabemos o que da de si e agora sería peor, eu creo que non a merecemos". Por iso, di, a mellor opción é o PP, porque "só se vai coaligar cos galegos".

Feijóo escoita a presentación de Rajoy © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.