"Herri Batasuna". O nome da desaparecida formación independentista vasca foi a referencia partidaria máis repetida polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de control no Parlamento neste 13 de marzo. Utilizouna reiteradamente para retrucar á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e tamén nas respostas ao voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga. Ambos tentaban que o presidente da Xunta aclarase se subscribe ou non a proposta do novo líder do PP, Pablo Casado, de limitar por lei o uso do galego nas Administracións e, máis concretamente, no acceso ao emprego público.
Leiceaga e Pontón tentaron que o presidente aclarase se subscribe ou non a proposta lingüística de Casado
Dende que Casado enunciou a súa proposta de aprobar unha Ley de Lenguas se chega a ter maioría dabondo no Congreso para facelo Feijóo tentou surfear as ondas recentralizadoras da dirección do seu partido. Afirmando, por exemplo, que tal proposta non estaría "dirixida a Galicia" e que a súa reforma da lei da función pública no ano 2009 xa determinou que o coñecemento do galego sexa un "requisito" e non un "mérito" para traballar na Xunta. Este mércores profundou nesa liña criticando que Leiceaga lle pregunte "se imos apoiar unha lei que non existe" e atacando a Pontón, "a señora do BNG", porque "vén falar de extremismo" mentres "pide que votemos a Herri Batasuna Bildu", en referencia á coalición do Bloque con ERC e EH-Bildu para as eleccións europeas.

"Está a favor ou en contra da proposta do seu líder?", cuestionou sen éxito Pontón, a cuxo xuízo cómpre aclarar se o tamén presidente do PPdeG concorda con "ese señor que nos quería explicar ás mulleres o que é estar embarazadas" e que agora "tamén nos quere explicar aos galegos e galegas que para traballar na Administración deste país non fai falla coñecer a lingua deste país". Feijóo, crea a líder do Bloque, faría ben en non "repetir" o "episodio" no que "xa utilizou a mentira da imposición do galego por un puñado de votos".
"Xa está ben de dar un carné de mal galego a quen fala español, ya está bien de dar un carné de mal español a quien habla gallego", proclamou Feijóo para tentar facer ver que está á marxe de todos os "extremos"
"Dígame que lle vai dicir 'non' ao señor Casado en relación coa lei de imposición do español", retou Leiceaga, tamén igualmente sen resposta favorable. No caso de Pontón, o presidente retrucou acusándoa de pretender "dividir o país en todo" e estar contrariada por que o galego non sexa "un problema en Galicia" grazas ao "bilingüismo harmónico" promovido polo PP.
Bilingües, precisamente, foron as frases coas que rematou a resposta ao BNG; "xa está ben de dar un carné de mal galego a quen fala español, ya está bien de dar un carné de mal español a quien habla gallego", proclamou para tentar evidenciar que está á marxe de todos os "extremos". Aínda agregou despois outra sentenza que causou a hilaridade na bancada nacionalista: "sabemos galego y hablamos español".
Para a resposta a Leiceaga o titular da Xunta optou por reeditar críticas aos xa decaídos Orzamentos Xerais do Estado promovidos polo Goberno de Pedro Sánchez, a quen reprocha que non visitase Galicia en calidade de presidente -fíxoo nun acto de partido- e esixirlle compromiso ao conxunto do PSOE co artigo 2 da Constitución, que consagra a "indisoluble unidade da nación española". Tamén aproveitou, adicionalmente, para eloxiar o libro recentemente publicado por Alfonso Guerra.
Alén do tirapuxa preelectoral Feijóo deixou na Cámara algún dato lingüístico concreto: segundo afirmou, "dende 2016" o 97,5% das persoas que concorreron a oposicións da Xunta tiñan o CELGA ou título equivalente
Sobre a lingua, obxecto da pregunta, preferiu disparar por elevación. "Eu as leis que apoio as apoio neste Parlamento e vou apoiar exactamente todas as leis que apoiamos nas maiorías neste Parlamento; levo facéndoo dez anos", resolveu.
Alén do tirapuxa preelectoral no que tornou a sesión de control, as respostas de Feijóo sobre o galego na Administración tamén deixaron algún dato concreto, en boa medida solapado polos reproches cruzados. Así, segundo asegurou, nos exames de oposición máis recentes, "dende 2016", case "o 97,5%" dos aspirantes non tiveron necesidade de "examinarse" especificamente de lingua por teren "acreditado o coñecemento do galego" cun CELGA ou título equivalente, polo que "xa teñen solucionado o problema do galego". No caso do 2,5% que si tiveron que realizar "exame de galego", o resultado foi que "aprobaron todos". "Cal é o problema?", pregúntase.