Feijóo gábase de poder pechar as listas do PP "nunha tarde", o PSdeG chámalle "autoritario"

Feijóo, na visita ao centro especial de emprego en Oleiros © Ana Varela

O PP tenta pescar nas augas que se revolveron no PSdeG durante o xa culminado proceso de elaboración de listas electorais. A seis días de que expire o prazo para rexistrar as candidaturas coas que as diferentes opcións políticas concorrerán ás urnas o 21-O o presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, aproveita para salientar as que, ao seu xuízo, son as diferenzas entre a confección das candidaturas do seu partido e as dos socialistas. Malia que a Lei Electoral impide a celebración de actos oficiais que salienten logros dos gobernos dende que se convocan unhas eleccións Feijóo realizou este martes a un centro especial de emprego en Oleiros, onde se esforzou en destacar o labor do seu gabinete na materia e tentou afondar nas feridas que as candidaturas puideran deixar no PSdeG.

A preguntas dos xornalistas sobre as datas nas que o PP prevé dar a coñecer as súas candidaturas Feijóo restoulle importancia ao proceso xa que no seu partido, asegura, non hai "ningún tipo de tensión" como as que se "acredita que teñen outros partidos". As listas conservadoras son "doadas de confeccionar" ata o punto, gábase, de que as catro poden ser pechadas "nunha tarde". "Non é un tema que me preocupe o máis mínimo" nun contexto no que, engade, as súas listas serán a "confirmación de xente que traballou no Goberno e no grupo parlamentario".

García ve en Feijóo un "afán desmedido por presumir de totalitarismo"

As reflexións presidenciais foron recollidas con retranca na sede do PSdeG, cuxo secretario de organización e coordinador de campaña, Pablo García, ve mesmo "excesivo" que o PP "dedique unha tarde enteira" a elaborar as súas listas, xa que "co seu talante autoritario sóbralle o tempo de tomar un café para pechar as listas electorais". Para García as declaracións do candidato conservador supoñen o "colmo do cinismo" xa que son sinónimo de "alardear de falta de democracia interna". Isto, di, só se pode deber a un "afán desmedido por presumir de autoritarismo", se ben "non é necesario que o repita": "xa sabemos todos que é capaz de darlle unha lección de totalitarismo ao Partido Comunista Búlgaro", ilustra.

Neste sentido Pablo García non deixa de considerar "sorprendente" que Feijóo se centre en falar de "congresos internos dos demais partidos" cando o propio PP "foi incapaz de convocar un" dende 2009. Esta e outras circunstancias fan "natural", dende o seu punto de vista, que o líder popular "non entenda o que é debate e intercambio de ideas e propostas" e "presuma dun liderado sen debate nin liberdade", o "mesmo estilo que levou á súa xestión de Goberno", conclúe.

Feijóo, na visita ao centro especial de emprego en Oleiros © Ana Varela
García, secretario de organización do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.