Feijóo insiste en negociar o financiamento da Xunta con outras comunidades tras pedirlle Pontón debatelo en Galicia

Feijóo, durante a quenda de respostas da sesión de control deste 27 de outubro © Parlamento de Galicia

A portavoz nacionalista critica que o presidente “pretenda falar con todo o mundo” menos co Parlamento e o popular aposta por un sistema “multilateral” fronte a un BNG ao que acusa de privilexiar a Catalunya 

A sesión de control ao Goberno galego no Parlamento deste mércores xirou arredor dos cartos que a Xunta terá ou debería ter para executar as súas políticas, xa sexan procedentes do Estado a través do sistema de financiamento autonómico ou da UE a través dos fondos de recuperación tras a pandemia. Nas súas intervencións o presidente Feijóo reiterou a súa aposta por unha negociación “multilateral” con outras comunidades autónomas e asegurou que o Goberno de España “non nos manda nada, nolo manda o goberno de Europa, o Goberno de España cero”.

Pontón diríxese a Feijóo durante a sesión de control deste 27 de outubro CC-BY-NC-SA BNG

A portavoz do BNG, Ana Pontón, pediu a Feijóo que aposte por un novo modelo de financiamento para Galicia baseado no sistema de concerto económico que teñen Euskadi e Navarra, no que esas comunidades xestionan os seus propios ingresos tributarios. E reclamou que o presidente debata a postura da Xunta no Parlamento de Galicia, criticando que “vostede pretenda falar con todo o mundo menos coas galegas e galegos representados nesta Cámara”, en referencia á reunión que Feijóo intenta ter con presidentes de comunidades con problemas de avellentamento demográfico como Galicia ou á que vén de manter co titular da Junta de Andalucía. 

Nas súas respostas Feijóo reiterou a súa aposta por unha negociación “multilateral”, obviando a petición dun debate en Galicia. E criticou o concerto proposto polo BNG como “un disparate, e non o digo eu, o di calquera experto”. Pola contra, Pontón considerou “un disparate ter un presidente que non confía neste país, que diga que cos seus impostos non chega para pagar a sanidade, a educación e os servizos públicos, que se apunte á idea de que Galicia é un país pobre e non temos cartos para financiar os nosos servizos públicos”. “Que tributen aquí as empresas con actividade produtiva aquí como as enerxéticas”, reclamou Pontón noutro momento da súa intervención. 

Feijóo pechou o debate considerando “sorprendente” que se poida entender con presidentes autonómicos doutras ideoloxías e non co BNG e preguntouse se os nacionalistas “están de acordo cun sistema de financiamento multilateral ou con que Catalunya teña un sistema específico e os demais as consecuencias nefastas dese sistema?

Gonzalo Caballero, na sesión de control deste 27 de outubro de 2021 CC-BY-NC-SA PSdeG

"O Goberno de España non nos manda nada, nolo manda o goberno de Europa", dixo Feijóo a un portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, que atribuíu ás políticas da esquerda os orzamentos expansivos

Previamente o portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que as axudas europeas á reactivación, as transferencias estatais e os orzamentos expansivos da Xunta que supoñen son froito de políticas de esquerdas. Segundo Caballero, Feijóo agora “recoñece que ter un orzamento expansivo para Galicia é bo, o contrario do que fixo na última década”.

A resposta do presidente foi que “en Europa non goberna o partido socialista” senón que “a Comisión Europea está presidida por unha política que milita no Partido Popular Europeo”. “O Goberno de España non nos manda nada, nolo manda o goberno de Europa, o Goberno de España cero”, asegurou Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.