Máis bronca que explicacións. Despois de que o PP vetase, primeiro en Xunta de Portavoces e despois en pleno, que o xefe do Goberno galego comparecese no Parlamento para, como pedía o PSdeG, dar contas sobre os casos de presunta corrupción que afectan ao PP e, máis concretamente, sobre o Concello de Santiago, Alberto Núñez Feijóo víase este mércores forzado a responder a instancias de AGE e do BNG. Os voceiros de ambos grupos, Yolanda Díaz e Francisco Jorquera, pedíronlle contas ao presidente. Pero foron por explicacións e remataron sendo instados a explicarse, xa fose polas súas actuacións ante casos de supostas condutas irregulares, polas súas decisións en gobernos locais ou mesmo pola súa actitude durante os plenos da Cámara.
O encargado de abrir fogo foi Jorquera. En dúas intervencións que suscitaron aplausos nos tres grupos da oposición, o nacionalista quixo saber "a que se refería" o presidente "cando dixo que o que pasa en Santiago non é normal". "Que tivese que dimitir o que era látego do botellón e foi sorprendido ebrio ao volante [Ángel Espadas]" e "agora está en prisión preventiva", "a dimisión de Conde Roa tras ser imputado por fraude a Facenda", "a dupla imputación do seu substituto na Alcaldía"... "O que está pasando non é normal" e que Feijóo o diga "é unha demostración da súa extraordinaria sagacidade", ironiza o nacionalista, se ben "a situación de Santiago non é para tomar a broma, por moito que roce o esperpento".
Jorquera: "O que pasa en Santiago non é para tomar a broma aínda que roce o esperpento"
Feijóo "ten que tomar medidas" e, ante a "alarma social" e a "ingobernabilidade" reinantes, na capital de Galicia só cabe a "disolución" da corporación municipal e a convocatoria de eleccións". Pero o Bloque non atopou explicacións na banda do presidente. Si atopou un recado dirixido ao PP de Santiago, "cada un é responsable do que fai" e "ten que responder ante a lei", xa sexa "concelleiro, alcalde, conselleiro ou presidente", e múltiples peticións de explicacións dirixidas, precisamente, ao Bloque. Jorquera, di Feijóo, debería "contestar que é o que fai o seu partido no Concello de Lugo" ou "o que fixo no Concello de Santiago", ou "en Ourense". Ademais, tanto "no Pokémon" como "no Campeón" están "o PSOE e o BNG, tamén".
Bronca e marcha de Beiras
"Vostede segue sendo o campión do escaqueo", reprochou Jorquera. Entre acusacións de "bipartitos na sombra" e de contratar con empresas agora investigadas, Feijóo ía subindo a temperatura da bancada da oposición, da que non acepta "leccións". Neste clima chegou a pregunta de AGE. "Unha pantasma percorre o PP, a corrupción", parafraseou Yolanda Díaz, en cuxa opinión só "rematar con este noxento espectáculo" só "depende" de Feijóo. Dicir "que non é normal é tanto como non dicir nada" e non dar respostas nin tomar decisións "convérteo en cómplice". "Demostre que cre na democracia e reclame a convocatoria de eleccións municipais en Compostela", retou. Pero, como o Bloque, Alternativa a pregunta de Alternativa tameń bateu e rebotou no muro presidencial.
Yolanda Díaz insta a Feijóo a "rematar co noxento espectáculo" do Concello de Santiago
"É unha boa reflexión o de respectar a democracia" e por iso, retrucou Feijóo, AGE debería "respectar as institucións" e non "salvagardarse na inmunidade parlamentaria para dicir que un partido é un niño de corruptos". Tamén ten que "respectar as sentenzas e non dicir que a Audiencia Nacional é un tribunal franquista", e "respectar as institucións e ao que fala no Parlamento no uso da palabra". Mentres, gábase, o seu goberno xa amosou as súas declaracións de patrimonio e, el mesmo, a declaración da Renda.
"Gustaríame que respectase esta institución e respondese ás preguntas", insistiu Díaz, xa que "a corrupción é un roubo" que acontece mentres, só en Compostela, hai "5.000 persoas na pobreza extrema". Pero Feijóo, lamenta, segue na "súa particular versión do deixar facer, deixar pasar" que inspira o liberalismo económico". "Reitéronlle que estamos de acordo en extirpar calquera comportamento corrupto e eu pídolle que respecte as institucións". A enésima interpelación do presidente á oposición soliviantou aínda máis a bancada da oposición, con sonoras protestas de Xosé Manuel Beiras, que deu en abandonar o hemiciclo -"vou fumar un pitillo", ironizou-. "Marcha con Beiras!", clamou a deputada do PP Marta Rodríguez a quen protestaba dende os escanos de AGE. Mentres, Feijóo recomendáballe a Yolanda Díaz que non actúe con "dobre moral" porque cando participou no goberno de Ferrol "tiña máis asesores que diputados de Izquierda Unida na Cámara". Fin da sesión de control. Aplausos da bancada do PP.