Feijóo mima a Baltar nun inhabitual 'cumio' de presidentes

Baltar intervén en presenza de Feijóo, tras a xuntanza CC-BY-SA Praza Pública

Nos corredores do Parlamento falábase ironicamente de "cumio" na mañá deste mércores. Na área reservada ao Goberno galego no Pazo do Hórreo o presidente da Xunta recibía a un vello coñecido da casa, o ex vicepresidente do lexislativo galego e actual titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. Cunha convocatoria oficial na que non constaba ningún punto en concreto a tratar o xefe do Goberno galego conversou co herdeiro do barón ourensán por excelencia durante máis dunha hora e despois, en comparecencia conxunta, esforzouse en escenificar un trato amable, case preferente, para o único dirixente do seu partido que lle botou -e ademais lle gañou- un pulso político dende a súa chegada á Xunta.

Feijóo realiza un pouco usual movemento e anuncia, tras recibir a Baltar, que "convocará aos presidentes das deputacións" en poucos días

Baltar non é un líder provincial máis e, polo tanto, a de Ourense non é unha Deputación calquera para os intereses presidenciais. Consumado o relevo xeracional no partido e na institución pública, a poucos meses das eleccións autonómicas semella que a maquinaria ourensá, fundamental na reelección, será engraxada dende San Caetano con investimentos, pero tamén con xestos. Así, Feijóo realiza un inhabitual movemento e anuncia, tras recibir a Baltar, que en poucos días convocará "aos presidentes das deputacións" para trazar un "escenario marco" de colaboración co Goberno galego, xuntanza que, por outra banda, xa anunciara para inmediatamente despois das eleccións municipais de 2011. Nese encontro buscarase realizar a "vella aspiración, plasmada no Estatuto e nas leis de réxime local" de tender canles estables de colaboración . Pero antes "recibimos na súa casa -o Parlamento-" a Baltar, que volveu a Ourense con compromisos "renovados".

Despois de que nos últimos días dende a órbita política e mediática do baltarismo chegasen aos centros do poder autonómicos mensaxes de queixa por desatención no que a investimentos se refire o presidente da Xunta bota man de anuncios á vella usanza, máis excepcionais ca nunca en época de crise. "Neste ano" estará rematada a autovía que unirá Ourense e Celanova "en 15 minutos", ademais, a consellería de Sanidade vén de "asinar o contrato de obra" para a remodelación do Complexo Hospitalario de Ourense, un proxecto "millonario en euros e en compromisos", subliña. Preguntado por obras e proxectos diversos pendentes na provincia, como o saneamento económico da estación invernal de Manzaneda, o balneario de Caldeliñas ou o centro cárnico en Xinzo, Feijóo evita a polémica: a Xunta está "á disposición de calquera investidor que queira poñer cartos en Ourense".

Redución "drástica" de persoal na Deputación

Feijóo evita pronunciarse sobre a política de persoal da Deputación: "viñemos falar dos intereses de Ourense, non dos da oposición"

Satisfeito por ter "información directa do que fai a Xunta" e implicitamente polo tratamento preferencial, Baltar "agradeceu" ante a prensa a "disposición" do Goberno galego tanto para as obras ourensás como para, por exemplo, a sinatura dun convenio para prestar servizos sociais en concellos de menos de 20.000 habitantes -91 dos 92 municipios da provincia-. Así e todo, entre os intercambios de xestos amables coouse un asunto menos cómodo, unha pregunta verbo do suposto incremento de contratacións de persoal na Deputación durante os primeiros meses do seu mandato. Ante a mención do que fora un dos cernes das críticas á xestión do seu pai Manuel Baltar chama a diferenciar o que se "denuncia" do que se "publica" nos medios. Na actualidade, asegura, hai "un 12% menos de persoal" que cando el chegou á institución, en febreiro. En todo caso, asegura, "nos vindeiros meses" haberá unha "redución drástica" de traballadores.

Preguntado polo mesmo asunto, Feijóo tampouco quixo facer agre o treito final do cumio. "Viñemos falar dos intereses de Ourense, non dos da oposición", resolveu o presidente. Atendendo ao anunciado, nos "próximos días" tentará tender pontes de "cooperación" como os iniciados este martes co líder provincial a quen, infrutuosamente, tentou derrubar dende a cúpula do PPdeG.

Baltar intervén en presenza de Feijóo, tras a xuntanza CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.