Feijóo non aclara se autorizará vender as centrais de Ferroatlántica malia ao ultimato da empresa

Unha das explotacións hidroeléctricas de Ferroglobe en Galicia © Ferroglobe

A Xunta mantén as dúbidas sobre a súa decisión a respecto da venda dos encoros de Ferroglobe -antiga Ferroatlántica- nos ríos Xallas e Grande. A multinacional condiciona a posta en marcha do seu novo plan industrial pactado cos sindicatos estatais -rexeitado polos delegados galegos- á segregación do negocio metalúrxico e hidroeléctrico para, posteriormente, vender as centrais e financiar toda a operación. Esta venda precisa da autorización da Xunta e, segundo adiantou La Opinión de A Coruña, a documentación do acordo inclúe unha data límite: o vindeiro 31 de maio. No entanto, o presidente da Xunta evita aclarar cal será a decisión do seu Goberno e, ao tempo, carga contra a oposición por cuestionalo ao respecto.

Mentres o proceso é ensombrecido polos presuntos vínculos do Grupo Villar Mir, ao que pertence Ferroglobe, co financiamento irregular do PP, Alberto Núñez Feijóo asumiu este mércores con contrariedade que, por terceira vez, dende a banda esquerda da Cámara se esixe claridade sobre unha operación que pon en risco uns 400 empregos. "Non sabe canto lamento ter que vir incordialo con este tema", ironizou a voceira do BNG, Ana Pontón, en referencia aos reproches do propio Feijóo, pero é que "ten unha decisión importante que tomar". "A empresa vén de dicir que teñen que resolver o 31 de maio" e "todos sabemos cal é a súa intención, coller a pasta e pirarse", polo que o Goberno galego debe definir "de que lado está", co "imputado Villar Mir" ou "co emprego na Costa da Morte".

"Non se esconda en medias mentiras, dea a cara e diga a verdade", retou Pontón, xa que "Galiza non está para pagar os favores que o PP deba a Villar Mir", xa que ao seu xuízo resulta "evidente" que o que fora ministro con Arias Navarro e alto cargo no franquismo "está tentando pasarlles unha factura" na que "o concepto é venda ilegal das centrais do Xallas". "Vai vostede defender o interese xeral e dicirlle ao imputado Villar Mir que non acepta as súas chantaxes?", cuestionou.

Feijóo: "É lamentable que acusen a UGT e Comisións de estar nun contubernio; a Xunta vai seguir traballando e cumprindo a lei"

"Se quere falar de Villar Mir está no seu dereito", retrucou Feijóo, quen insta a nacionalista a aclarar se "está acusando os sindicatos UGT e Comisións Obreiras" de participaren "nun contubernio" para a venda das centrais. "É lamentable -censura- que vostedes acusen a UGT e Comisións sen que se poidan defender" mentres a Xunta "vai seguir traballando" e "cumprindo a lei", ademai sde "defender os intereses xerais" e "defender os traballadores e Cee, Dumbría e sabón". "O fixemos, o faremos e o seguiremos facendo", proclamou ante a Cámara sen aclarar, non obstante, se o Executivo se manterá ou non na oposición á venda cando Ferroglobe tramite formalmente o expediente".

"Deixe en paz ao presidente Fraga"

Feijóo, con Villar Mir (dereita) e outros membros do padroado da Fundación Manuel Fraga, ante a casa natal do ex-presidente en 2011

Pontón: "Estaría ben que nos explicase por que Villar Mir fai xenerosas doazóns á Fundación Fraga"

As ligazóns de Villar Mir co PP levaron tanton a Pontón como ao voceiro de En Marea, Luís Villares, a reclamar tamén claridade sobre eses vínculos. "Estaría ben que nos explicase por que Villar Mir fai xenerosas doazóns á Fundación Fraga" ou "por que" a Xunta "lle adxudicou a dedo a xestión dos albergues do camiño a OHL" que, "non sei se sabe, forma parte do Grupo Villar Mir". "Deixe a Fraga en paz se é posible; non ten un patacón nin hai diñeiro para catalogar os arquivos", reprendeuna Feijóo, quen insta a ter en conta que "hai unha gran deiferenza entre o presidente Fraga e moitos políticos que estamos descubrindo a que se dedicaban". "Un respecto, señora Pontón", remarcou o popular, quen en 2011 asistiu á presentación da sede da entidade dedicada ao ex-presidente, situada na súa casa natal de Vilalba. Naquel acto o presidente da fundación, o economista Juan Velarde, destacara que a rehabilitación do edificio fora posible grazas a unha "xenerosa doazón da Fundación Villar Mir".

Luís Villares: "Debería avergoñarse, pedir desculpas e defender os postos de traballo"

En calquera caso, Feijóo asegura non estar "preocupado" polas adxudicacións do seu Goberno ao Grupo Villar Mir -"andan por aí" en importe a respecto das realizadas na etapa do bipartito e en ambos casos se trata de "cantidades absolutamente razoables", mantén- e asegura, en resposta a Villares, non ter "nada que ocultar e todo para respostar" neste eido. O titular da Xunta zanxaba así o cuestionamento lanzado polo voceiro de En Marea sobre a posibilidade de que o PP teña que "pagar dalgunha maneira" o "favor" do presunto financiamento irregular de Villar Mir. Despois de que os comités de empresa de Cee e Dumbría se "posicionasen unanimemente en contra das pretensións da empresa" Feijóo "debería avergoñarse, pedir desculpas e defender os postos de traballo", remata.

Ana Pontón, formulando a pregunta ao presidente © Parlamento de Galicia
Luís Villares, durante a sesión de control © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.